A editorial Trifolium celebra neste mes de setembro o seu 10º aniversario de existencia no mundo editorial da comunidade coa publicación en galego de dous ensaios inéditos do poeta Antonio Gamoneda.

-Que destacaría do traballo levado a cabo por Trifolium durante estes dez anos?

-A propia traxectoria editorial, o labor desenvolvido, a consolidación do seu catálogo, a alta profesionalidade dos seus colaboradores e a boa acollida das súas publicacións entre o público lector. Tamén a satisfacción de ter cumprido o noso obxectivo inicial, que non era outro que saír na procura do lector, máis que do consumidor.

-Que cambios tiveron que facer ao longo deste tempo?

-Unha editorial vaise facendo día a día. Cambios os propios que vai impoñendo o seu crecemento coa ampliación do catálogo e coa creación de novas coleccións, o cal supuxo ampliar a rede de colaboradores e dedicarlle máis tempo á procura de proxectos.

-Cal era a intención da editorial no momento da súa apertura? Segue a ser a mesma?

-Trifolium naceu na procura dun tipo de lector moi especial. Dese lector que, unha vez probou da árbore da sabedoría impresa, fica enfeitizado polo seu veleno. A intención editorial nesta dirección non variou, está ben cimentada nun proxecto humanístico que pretende ser de gran calado.

-Como é a vida dunha pequena editorial no seu día a día?

-Todos os días son diferentes. Hai que dedicarlle tempo aos autores, á revisión de textos, corrección de probas, visitas á imprenta, deseño de estratexias co distribuidor ou atender á prensa. Sen descoidar a lectura de manuscritos. Todo isto lévase adiante con moito esforzo e sentido común, e grandes doses de sentido do humor.

-Cal diría que é o punto forte de Trifolium? E o débil?

-Como punto forte, a firme convicción de que o campo da edición debe de ser un campo de liberdade e independencia. Ademáis dunha coidada selección de autores e contidos. A debilidade, a propia estrutura de Trifolium. É unha editorial pequena que non pode, nin pretende, competir cos grandes grupos en visibilidade nin no uso indiscriminado do talonario para arrebatar autores á competencia.

-De que forma lles está a afectar o momento de crise actual?

-Descenderon as vendas en librerías, si, ao que hai que sumar a crise permanente de lectores que temos en Galicia. Seguimos a ocupar un lugar destacado no furgón de cola dos índices de lectura. E esto é un problema para as librerías. O libreiro padece unha fatal soidade, e debería ter máis axudas, máis posibilidades de formación.

-Teñen algún novo proxecto entre mans?

-Aparte das recentes publicacións, estamos a traballar con dous títulos para a colección Litterae, e temos previsto publicar algún volumen máis na colección Musa pedestris, ademáis dos dous asinados por Antonio Gamoneda. Son proxectos de aquí a final de ano.