A compañía teatral Áncora Produccións presenta mañá no Teatro Rosalía de Castro a estrea universal da obra, Snakizados, Comedia da fin do mundo, escrita e interpretada por Gustavo Pernas Cora e dirixida por Ánxela G. Abalo. O debú terá lugar en dúas funcións, os días 27 e 28 de setembro ás 20.30 horas.

Snakizados é a derradeira parte que culmina a triloxía de fábulas contemporáneas escritas por Gustavo Pernas, Tres Logomonos: Colgados, Pisados, Snakizados, publicada pola editorial Laiovento. Os Logomonos, como explica o autor do texto, son monólogos ao revés, monólogos mutantes interpretados polo propio autor dos mesmos, que tratan de personaxes que obran prodixios.

Esta comedia da fin do mundo é unha metáfora da eterna dúbida existencial e hamletiana do ser ou non ser. Unha metáfora dunha especie de destrucción do estado de benestar, do que significa o modo que as persoas teñen de entender a democracia e un refrexo da fragmentación da sociedade.

"Enfrontarse a un texto coma este, significa vivir intensamente a situación na que todos nos atopamos hoxe en día", comenta a directora da obra. "Destruir é moi fácil, o que é difícil é volver a recompoñer todos os anacos nun todo. Como os xuntas todos de forma que quede ben?", engade Ánxela.

Snakizados é un texto revolucionario, no que cobran especial relevancia a presentación escénica, o vestiario e a creación videográfica, que a pesar de ter unha dose de abstracción, refire feitos que marcan a existencia do ser humano. Feitos coma o atentado contra as torres xemelgas ou a bomba de Hiroshima.

Gustavo Pernas ademáis de ser o escritor desta obra é o seu intérprete. El é os anacos que se recompoñen nun ser que non quere existir. O seu corpo está feito dun home inocente, dun león que ruxe, dun simio, dunha loba, pero tamén de cables e de corrente eléctrica. "É un monólogo pero á vez é un diálogo múltiple", conta o actor. "Intento facer unha variedade de rexistros que represente a todos os anacos dos que estou formado", engade Gustavo.

"A interpretación que fai Gustavo é totalmente arriscada. O discurso québrase a cada instante e con cada personaxe. Ten que estar continuamente alterando as voces e as intencións de cada un deles. É algo totalmente revolucionario pero moi complicado", explica Ánxela.

Ancora Produccións

Nace en 1989 da man de Ánxela G. Abalo e Gustavo Pernas cunha serie de criterios e obxectivos artísticos. Desde fai 23 anos Ánxela e Gustavo queren chegar ao público a través da comedia. O seu primeiro espectáculo O galego, a mulata e o negro, iniciou o seu compromiso para potenciar e promover unha dramaturxia galega, que desde Galicia se poden facer e se están a facer achegas artísticas de relevancia, a pesar do momento de crise.

Gustavo Pernas foi galardonado en numerosas ocasións pola súa aportación as artes galegas, cos Premios Max, Rafael Dieste, Compostela, Roberto Vidal Bolaño e María Casares.