Unha das novidades do ciclo de outono da Banda Municipal de Música será a estrea da obra Os Heroes do Orzán o 4 de novembro. Trátase dunha peza de media hora do compositor Antón Alcalde que pretende ser unha homenaxe aos tres axentes que faleceron ao intentar rescatar das augas do Orzán ao estudante eslovaco Tomas Velicky, que tamén perdeu a vida no mar.

-Como xurdiu a idea de crear unha composición dedicada aos heroes do Orzán?

-Foi un encargo do director da Banda Municipal, José Luis Represas, que me propuxo crear unha peza inspirada nos feitos do Orzán nos que faleceron un estudiante e tres policías que tentaban rescatalo. En canto Represas me comentou esta idea púxenme a traballar.

-Que elementos destacaría desta obra?

-Tratase dunha melodía que se divide en sete partes -Prólogo, A praia, O accidente, Rescate, Traxedia e Epílogo- deseñada para banda e tamén conta cun narrador que contará os feitos. Cada parte é diferente debido ós acontecementos que trata pero a composición xira arredor dun gran tema central que simula o son dunha onda mariña e está feito ao estilo dunha banda sonora de cine.

-Cales son os instrumentos máis empregados?

-O que máis presenza ten é o corno inglés pero tamén aparecen bastante o oboe, a frauta e, en xeral, os instrumentos de vento-madeira porque permiten engadir tintes distintos á melodía. A percusión ten tamén o seu protagonismo para simular o son das ondas do mar.

-Que ritmos se mesturan na media hora que dura a peza?

-A parte do gran tema central inspirado en música do cine ao principio da obra combínase cunha música entretida con referencias a estilos como o jazz e a salsa para recrear o ambiente de festa antes da traxedia para despois cambiar de rexistro cunha harmonía pechada que crea sensación de malestar no público e coa se pretende trasladalo a ese momento. Esta tensión esaxérase ao límite até durante 25 segundos seguidos o que fai ao espectador levantarse do seu asento.

-Como se integran os textos e a figura do narrador no tema?

-Hai exemplos de textos sen música, outros fragmentos que se combinan con efectos musicais e mesmo narraccións sobre fondo musical como o prólogo.