-Que hai que facer coa vella prisión provincial da Torre?

-O urxente é que o Concello ou Interior limpen as cubertas e fagan uns traballos mínimos de mantemento, porque os teitos están moi deteriorados. Agora mesmo está entrando auga e se o deterioro segue por dentro vai ser moito máis complicado e custoso recuperar o cárcere. Iso para o curto prazo. No longo prazo habería que definir definitivamente quen é o propietario, se o Concello ou o Ministerio, e aceptar propostas da cidadanía sobre que facer con ese edificio que é de todos.

-Está en risco a estrutura do edificio?

-En Proxecto Cárcere temos un grupo de arquitectos que fixeron un traballo de análise. As estruturas son moi fortes pero tal e como están os tellados, se non se fai nada, cremos que non vai pasar moito tempo até que ceda. No momento no que entre moito a auga comezará a empeorar o estado do interior. Hai un risco moi grande e cun mantemento anual mínimo poderíase garantir a súa conservación até que se decida que facer.

-O edificio é propiedade de Interior pero o Goberno central fai responsable ao Concello, que di que "se está negociando". Por que non se logra tramitar a cesión ao Concello?

-O único que sabemos é que non está claro. Supostamente o Concello ten que pagar unha cantidade a Interior pero, tendo en conta que o edificio está abandonado, non entendemos que é o que falta por pagar. Nós preguntámolo pero ninguén nós soubo dicir que pasa realmente. Hai moita opacidade tanto por parte do Concello como por parte do Ministerio de Interior, que se desentende de todo.

-Como é o diálogo co Concello?

-Agora non hai comunicación sobre o tema practicamente. De nós a eles sempre houbo comunicación. Do novo Goberno local falamos con Cultura, Servizos Sociais e até Urbanismo. Expoñíamos a nosa proposta para a prisión e sempre valoraban o noso traballo. Non nos dicían un non, pero tampouco un si, nin nos explicaban a súa visión.

-Quizais porque hoxe en día haxa que destinar os cartos a outras prioridades.

-Eu creo que é unha cuestión política e non económica. O de que non abordan o edificio por falta de cartos cáese polo seu propio peso cando nós lles facemos unhas propostas de limpeza e mantemento moi económicas e nos din que tampouco lles vale. Nós falabamos de comezar a restuarar o primeiro edificio, no que hai xente disposta a a traballar de modo máis ou menos altruista e pouco a pouco ir ocupando outros espazos do cárcere dacordo cos cartos e a capacidade humana que teñamos. Nós fixeramos unhas estimacións e podería facerse todo isto sen un gran desembolso.

-A canto ascendería?

-Aínda están sen concretar uns orzamentos definitivos pero estimamos que as reparacións suporían un 10% do que custa el plan Coruña Futura.

-Hai arquitectos que propoñen derrubalo e ampliar o parque para uso cidadán...

-Iso é unha barbaridade. É unha prisión panóptica en cruz de inicios do século XX, moi singular e co engadido de ser unha das primeiras cadeas feitas en base aos estudos de Concepción Arenal de mellora dos presos. Ademais ten un valor inmaterial moi importante para esta cidade. Foi un cárcere de presos políticos republicáns na posguerra e hai xente que ten unha vinculación emocional moi especial. Non se pode botar a perder.

-Propúxose convertilo en Museo do Automóbil, parador, centro de interpretación da Torre... Cal é a proposta de Proxecto Cárcere?

-É un cárcere de 13.000 metros cadrados e dá para un uso moi diverso. Cremos que ten que ter carácter público na súa totalidade e que pode recoller varias ideas, como un centro de interpretación da Torre de Hércules, un albergue xuvenil, un centro sociocultural e da memoria e espazos para os colectivos sociais da cidade. Tamén podería haber espazos para a convivencia, con proxectos de hosteleríade xente da cidade. Podería ser un xeral de traballo e dinamizador da economía local. Ademais, telo neste estado desluce á Torre de Hércules.

-A súa plataforma está en contacto con outras iniciativas semellantes de España e Europa. Que opinan no exterior ao coñecer a situación da prisión?

-En Holanda, Alemaña ou Francia isto non pasaría. Alí houbo edificios coma este que non supuxeron unha carga para os Concellos senón unha potencialidade. Deron valor á cidade e cambiaron moitos barrios. En Barcelona acontece cos antigos barrios textís. A xente que coñece o cárcere ve un potencial social e económico importantísimo.