Noticias | Agenda

A outra cara das palabras

A fotógrafa Paula Gómez del Valle presenta nunha exposición na Fundación Rodríguez Iglesias a súa visión dalgúns autores galegos
23-05-2011 22:07
0 votos
Imaxe da autora Berta Dávila, que forma parte da exposición ‘Palabras Imaxi-nadas’ paula gómez del valle

Imaxe da autora Berta Dávila, que forma parte da exposición ‘Palabras Imaxi-nadas’ paula gómez del valle

Os visitantes que se achegen á Fundación Rodríguez Iglesias ata o próximo 20 de xuño poderán disfrutar da outra cara de algún dos escritores galegos máis recoñecidos, mediante a exposición Palabras Imaxi-nadas, composta por imaxes tomadas pola fotógrafa Paula Gómez del Valle.
Foi a opinión da poeta Eli Ríos a que convenceu á artista para converter un proxecto editorial nesta instalación: “A compañía Rinoceronte plantexou sacar unha colección de autores galegos traducidos ao castelán, e encargáronme facer un catálogo de fotos para as contraportadas. A idea quedou aí, pero a Eli Ríos gustáronlle moito esas instantáneas e díxome que lle poderíamos dar un pulo aproveitando o Día das Letras Galegas. Pareceume unha boa idea”.
“Pero a exposición Palabras Imaxi-nadas inclúe outras fotografías —engade—, nas que presento unha Galicia moderna, fóra do tópico rural da señora co caxato, con xente que mira ao futuro pero que non olvida o pasado”.
Á hora de retratar aos literatos que protagonizan o bloque principal da instalación, Gómez del Valle recoñece as dificultades que pasou ao tentar mostrar outra faciana dos seus modelos: “Ao final, as fotos gustáronlle moito a todos, pero foi un pouco difícil romper esa máscara que temos todos cara unha cámara. O problema é que todos temos unha imaxe de nós mesmos que pode non ser o mesmo que o que ven nas fotos. Pero o certo é que cando se relaxaron todo saiu estupendamente”.
Esa vergoña cara o obxectivo a compartiron tanto representantes das novas xeracións creadoras, como Berta Dávila, como clásicos da talla de Xavier Alcalá. “Por exemplo, Santiago Jaureguízar estaba moi tenso ao principio —lembra Gómez del Valle entre risas— pero a base de darlle conversación e tranquilizalo, acabou posando en plan modelo. Con Berta Dávila pasou o mesmo, comezou toda tímida e rematou facendo suxerencias”.
Á fotógrafa chamoulle a atención que tanto os veteranos curtidos en mil batallas como os emerxentes compartiran esa actitude inicial de tensión ante a súa cámara.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook