O cosmopolita barrio do Raval, en Barcelona, conta con 437 habitantes por hectárea. No da Agra do Orzán acumúlanse 688 persoas. Nese Hong Kong galego que describe Xurxo Souto na sintonía do programa Barriografías, espállanse 29.139 persoas nunha superficie que tan só supón o 1,10% da cidade da Coruña. Enmarcado no proxecto Música en Branco: Memoria do Orzán, o excompoñente dos Diplomáticos de Monte Alto percorre as súas rúas co seu micrófono para radiografiar os seus latexos.

A comezos desta semana comezou o seu periplo na ruta do bus urbano da liña 7, para pasar despois polo colexio San Pedro e o centro cívico da Silva. Este venres achegarase ata unha das centos de tabernas do barrio que lembran ás orixes dos seus habitantes.

-Este é o primeiro entorno barriografíado da historia. Como valora a experiencia nestes tres primeiros programas?

-Alucinante, marabilloso, sorprendente. O primeiro viaxe en autobús contou coa presenza de Mangüi Martín, un amigo do rock and roll coruñés. Alí tivemos tamén un debate entre dúas señoras sobre a orixe do nome das Zocas para o barrio dos Mariñeiros. Logo foi unha descuberta ver como os rapaces do colexio de San Pedro podían facer unha radio tan potente; os conxuntos rumberos que hai entre os mozos e mozas do Portiño; e na Silva, un lugar case esquecido onde xurdiu toda a memoria do barrio. Ali recuperamos as historias de Pucho Boedo, as cancións de carnaval do Quereré da Silva ou cantigas populares que non coñecía como esta (canta): "Silva de arriba / palco moderno /está adornado / con viruteiros". Agra do Orzán está rodeada de música por todas partes, son como capas sobre capas de música, e cando rabuñas un pouco aparecen moitas emocións. Un barrio, en principio periférico, convértese nun centro de creatividade. A historia continúa e o reto vai ser atopar a música dos novos habitantes da Agra do Orzán, a música de África e Senegal, e seguir avanzando por recuperar grupos de rock and roll. Hai un grupo dos anos setenta que nos interesa, como o grupo Agra, Pink Floyd a galega que queremos reivindicar.

-Xa puideron gravar as voces deses novos habitantes do barrio?

-Levamos tres programas, quedan cinco nos que imos pasar pola rúa Barcelona, Katanga (casas de Franco) ou o Observatorio, para atopar a súa música. Eu recollo unha reflexión, os galegos e galegas viaxamos por Europa como traballadores, e esa xente de Alemaña ou Francia tardou moito en saber que existía a música galega a través de Carlos Núñez ou Susana Seivane. Temos con nós moitos conveciños que son grandes artistas, e hai que apropiarse desas músicas, ese é o reto agora.

-Fálase de que na Agra do Orzán hai 30 nacionalidades distintas, pero a integración semella estar aínda lonxe.

-Como veciño do barrio que son, a convivencia é total, pero falta comunicación e integración. O feito de que haxa tantas nacionalidades, culturas e recursos non debe ser tan só unha evidencia senón un argumento. Queremos que se converta no Agra dos Mundos, ver presente esa diversidade. Temos a cidade de Londres como paradigma de diversidade. Hai que facer que ese barrio que represente as diferentes culturas do planeta na Coruña sexa este. Creo que estamos camiñando cara aí, xa houbo propostas anteriores e en todas aparece esa vida, cómpre conformalo como discurso.

-Cre que nun futuro perderase o carácter popular que desprenden os bares e tabernas do barrio?

-A cultura dos barrios é unha forma de calidade de vida, unha reprodución da vida nas aldeas. A meirande parte dos coruñeses viñemos das zonas de Bergantiños ou Costa da Morte, creamos unha convivencia que non se vai perder. Iso hai que reivindicalo. O venres estaremos nun bodegón, na Adega A Grade, na rúa Andrés Gaos. Alí pódese tomar algo cos amigos e botar unha cantarea. Son cuestións de calidade de vida que non se valoran, pero que son a esencia da felicidade. Mesmo o pequeno comercio, con esa competencia medianamente desleal, segue resistindo. Gústame moito ver lugares que tiñan antes certo estigma de marxinais, como as Casas de Franco, pero que son agora un referente de identidade marabilloso. Familias que se asentaron durante os sesenta e setenta que agora crean vínculos de amizade e solidariedade.

-Como é posible que un lugar considerado como porta de entrada á cidade manteña ese carácter de identidade de barrio?

-Penso que a Agra, Labañou ou Monte Alto son a cidade, o pulso da vida. Cando chegas a un sitio quedas cunha visión superficial, monumental, que está moi ben. Pero a realidade das cousas está nos barrios. Hai unha Coruña diferente ao tópico, como o de que é unha cidade monolingüe en castelán. A realidade é que na Agra do Orzán, a maioría da xente é monolingüe en galego. O que se vive na Agra é moi parecido ao que acontece en Teis ou Coruxo en Vigo, o problema é que aquí non sabemos onde están e eles non sabe onde estamos.