O próximo venres 14 será a estrea nas grandes pantallas de Somos gente honrada, dirixida por Alejandro Marzoa e producida pola coruñesa Vaca Films. Paco Tous e Miguel de Lira interpretan a dous vellos amigos con problemas económicos que cren atopar unha saída en forma dun fardo de cocaína que atopan mentres pescan.

-Supón a ópera prima de Alejandro Marzoa, aínda que levan anos xuntos facendo curtametraxes.

-Teño a impresión de que esta película é a culminación ou suma das curtas anteriores. Polo menos os contidos deles están todos destinados e dirixidos cara esta primeira longa de Marzoa. Sempre digo que é o director que susurra aos actores, porque sabe sacar o mellor de nós.

-Somos gente hornada comeza coma unha comedia pero ao final acaba aflorando o máis íntimo dos protagonistas.

-A película vai moi apegada á realidade, que é unha das claves do ton Marzoa. Comedia e drama a partes iguais. Inicia unha historia que parece que vai ser máis cómica, pero logo aséntase no drama. Este plantexamento amosa como as personaxes chegan a un punto no que quedan na deriva. Fai un símil co mundo do mar: os dous protagonistas sempre van pescar, a marea está baixa e nunca pescan nada. Pasan por moitas dificultades, como tantos da súa quinta. Están nun momento da súa vida na que poderían ter un iate e o que teñen é unha gamela que fai auga. De repente o propio mar traelles algo que non esperaban. A xestión dese fardo é o motor da película. Alí nótase que son dous peixes fóra do auga. Para o espectador ten uns códigos morais e cuestións interesantes: que farías ti se te atopas cun fardo así? Eles pensan que é unha táboa de salvación e en realidade vainos afundindo máis.

-Aínda colabora co grupo teatral Chévere. Como logra manterse tras dúas décadas de traballo?

-Non teño unha resposta moi clara tras tantos anos. - case coma se fora unha película de Marzoa, a nosa amizade e a cohesión artística foi unha liña discontinua pero é unha liña que collemos e aínda mantemos. A compañía segue madurando e ademais facemos as nosas propias creacións. Se fose un teatro de versionar obras clásicas igual xa non estariamos aí. Somos un pouco cronistas das cousas que pasan.

-Outro que formara parte dese grupo foi Vidal Bolaño. O cine galego está a cumprir a súa vontade de facer obras locais pero universais?

-Penso que si. O cine, ademais, ten a vantaxe da mobilidade, podes estar en Tokio ou no Festival de Cine de Busan en Corea, en cambio levar un espectáculo de Chévere é máis complicado (ri). Un pais con bo cine é un pais orgulloso de si mesmo, que se da a coñecer en todo o mundo. O propio Bolaño facía esa referencia de dende aquí para o mundo, ese concepto recollémolo nos Crebinski. Percorreu moitos festivais aínda que non tivo moito recorrido comercial. Deixou moi boa sensación sobre a creación e a historia galega. O mundo das películas ten esa característica de poder conectar. Somos gente honrada rodouse na Coruña, ría de Betanzos ou Laracha, pero tal e como está concebida, podería desenvolverse en calquera sitio. Ten posibilidades de viaxar porque esa relación entre dous amigos é universal. Os americanos entenderon que un cine non so é unha industria para crear traballo e diñeiro, senón que un espello de márketing e publicidade de vender o país inmellorable. Os europeos deberíamos ter aprendido iso xa. As Administracións teñen que estar aí e non escapar co rabo entre as pernas como fan agora.

-Erixiuse coma unha das voces do movemento Nunca Máis. Asistimos a algo comparable coa mina de Corcoesto?

-Si, aínda que polo menos o Prestige tiña o orixe na desgraza intencionada ou non. Foi un gran erro na xestión. Pero aquí o problema non é un accidente, senón que está subvencionado polas propias administración públicas. Parece que se nos vai aí a vida cando é unha multinacional que ven buscar uns lingotes a cambio de deixar todo furado e falan de cianuro coma se eu falo de catro duros. Estase creando un gran cisma non so ecolóxico, senón que tamén de saúde pública. Aquí é o único país do mundo no que pasamos a ser do terceiro. Asistimos a un expolio puro e duro subvencionado. A principal diferenza co Prestige é que non é un accidente, é unha neglixencia colectiva.