Cada vieiro, cada concello e cada parroquia galega escoitaron os pasos e as verbas de Manuel María. "O poeta que andou todos os camiños", coincidían onte no teatro Colón a súa viúva Saleta Goi, o responsable da fundación do artista, Alberto Ansede, e o polifacético Xurxo Souto na presentación dunha noite que o xoves ás 20.30 horas lembrará a figura e legado do chairego nun espectáculo con entrada libre.

A estrea do documental Andei todos os camiños, a actuación do mago Martín Camiña e a música das cantantes Pilocha e María Manuela son as pezas que arman o espectáculo Lúas de Outono, celebrado por segundo ano consecutivo no Colón, logo de desenvolver as tres primeiras edicións no Rosalía de Castro. "É unha mágoa non poder regresar a un teatro que leva o nome dunha gran poetisa", lamentaba a viúva do lucense, aínda que di estar encantada no "inmenso" recinto da Deputación.

A produtora Pixel Films foi a encargada de realizar o documental Andei todos os camiños, dirixida por Anxa González Refoxo. A cinta desprázase ata o fogar natural do poeta, amosando as características arquitectónicas da típica casa chairega. Nesta viaxe, o espectador atende ao percorrido que Manuel María fai por todos os camiños, entendidos non só fisicamente senón tamén artisticamente. "Cultivou todos os xéneros literarios", recordou Ansede, que tamén sinalou a extensa labor exercida no xénero poético, "dentro das máis diversas temáticas, métricas e estilos". A película tamén amosa imaxes da Casa Museo do escritor que a Fundación inaugurou hai pouco máis dunha semana en Outeiro de Rei.

Trala proxección da peza audiovisual, o mago Martín Camiña realizará algúns números especiais para a ocasión. Será a primeira vez que Lúas de Outono conte cun espectáculo de maxia, amosando a multidisciplinariedade na obra de Manuel María. Mais é na música onde os seus textos atopan maior acomodo, dende as adaptacións que se fixeron deles ata a súa participación na Nova Canción Galega. Para rememorar esa faceta estarán no Colón as voces de Pilocha e María Manuela.

O encargado de amenizar o acto será Xurxo Souto, quen salientou a decisión de Manuel María por trasladarse a cidade herculina sen motivacións profesionais ou familiares. "Estaba fascinado pola Coruña dende pequeno", lembraba, sabedor de numerosas anécdotas do creador de Terra Chá ou Muiñeiro de Brétemas. Sobre Manuel María asegurou que, de todas as vilas galegas que visitou, escolleu A Coruña para vivir o ocaso da súa vida. Sería nesta etapa na que o poeta exercera como pregón nas festas de Monte Alto, unha instantánea que o showman mantén na súa retina.

"Era un ambiente de festa e Manuel María chegou cun feixe de papeles pensando que non lle farían caso", relatou, "pero cando comezou a falar enmudeceron todos". Souto lembra coma un home se lle acercara apuntando ao chairego e dicindo que ese home volvera traer á Coruña "a alegría da República".