Dificilmente poderían escoller un escenario mellor para despedirse do público tras quince anos de letras cantadas con música. O teatro Rosalía de Castro sentirá mañá ás 20.30 horas o último concerto de A Caricia da Serpe, o grupo formado por Lino Braxe, Miguel Ladrón de Guevara, Xosé Luís Saqués e Rómulo Sanjurjo. Lonxe de ser unha ruptura, o poeta destaca que "hai que pasar páxina e facer novos encontros de cabeza xuntos", polo que non descarta volver cruzar camiños cos seus compañeiros.

Un percorrido musical de tres lustros repartidos en 250 concertos e a publicación de tres traballos: A Caricia da Serpe, O Sorriso do Diaño e A Caricia da Serpe no teatro Rosalía. Este último fora gravado en directo sobre as táboas do auditorio, onde mañá desenvolverán un acto "moi sensible e emotivo para todos", aínda que o dramaturgo promete momentos divertidos. "Voume deixar o pel por ser a última vez", advirte o cantante.

Son dúas as razóns que moven a este cuarteto a poñer fin á súa andaina. Por unha banda escúdanse no paso do tempo e na busca de novos horizontes nos que transladar a súa obra. "A maneira que tiñamos de comunicar a poesía estaba moi ben porque no seu momento non a había, agora xa si e hai que buscar unha caricia nova", reflexiona Braxe, que nos últimos tempos asegura ter levado "un ano peregrino". Os problemas de saúde do artista lévano a ter que reducir a súa actividade musical, logo de ter que interpretar xéneros esixentes coma o rock and roll ou o blues.

"Cando pasas por un período tan perigoso, pensas moitas cousas", apunta o mugardés tras permanecer varias veces ingresado por mor dunhas dificultades pulmonares. "Poderei seguir en activo actuando en teatros, que é moito máis sinxelo do que me esixe A Caricia", polo que prefire non arriscar máis.

O último encontro da formación inaugurada polo poeta, o guitarrista Miguel Ladrón de Guevara e o percusionista Xose Luis Saqués -no que máis tarde se uniría o acordeonista e compositor Rómulo Sanjurjo- supón un "acto de saúde por un lado e de tolemia polo outro", admite con humor. No histórico teatro uniranse cancións escritas polo grupo e outros temas do gusto dos integrantes, onde chegan a ter cabida versións de bandas sonoras.

Canda o cuarteto estarán as voces de Paula Maceiras, Laura Sarasola ou Sabela Mago, mulleres que os acompañaron recitando poemas ao longo dos últimos quince anos. O grupo teatral Bucanero interpretará unha parodia da película A ponte sobre o río Kwai, sendo unha das "colaboracións especiais" do concerto, salienta Braxe.

A fusión de poesía e música que marcaron os últimos quince anos das súas vidas deron para falar sobre "cousas que andaban por aí, que podería falar calquera", nas que o poeta rememora temas de actualidade como a da Pateira. Un tempo sen egolatrías, xa que Braxe di ter o seu ego "gardado no frigorífico", pero que serviron para poñer palabras en baleiros sen ocupar, convertendo "as letras en caricias e a música en serpes". Xogos malabares coa lingua e a melodía que mañá marcarán o principio de algo máis.