De voz grave e faciana televisiva, Luis Iglesia é un dos actores máis populares para o público galego tras poñer voz a Clint Eastwood ou Al Pacino e interpretar ao narcotraficante Matalobos na serie de mesmo nome. Xunto a Xabier Deive protagoniza un enfrontamento interpretativo en Gaivotas Subterráneas, que repite función esta noite no teatro Colón ás 20.30 horas.

-Houbo que facer cambios dende a estrea de xaneiro?

-É unha obra dos anos oitenta e fixemos algúns cambios no texto porque a xente está moi acostumada a ver thrillers psicolóxicos. Tivemos que darlle algunha reviravolta, pero iso tamén indica que a estrutura está moi ben feita porque permite facer cambios sen resentirse.

-Achégase ao ritmo cinematográfico?

-Si, eu recordo cando traballaba con Vidal Bolaño, un director moi cinematográfico que facía escenas de un segundo. Unha foto e apagábase o escenario. Esta obra foi gañando ritmo segundo pasaban as funcións. Hai moita xente que fai unha conclusión curiosa cando vai ao teatro: din que o pasa moi ben porque pensaban estar no cine. Non sei se iso é bo ou malo (risos).

-Con Xabier Deive tamén ten o espectáculo Sede de Mal?

-Pois agora xa estamos en tres cousas! Temos outro espectáculo de monólogos dunha compañía da Estrada. Logo estamos con esta outra comedia de stand up, na que ata facemos rock and roll (rí). Inventamos xéneros como a Bluesñeira, o Jota and roll e a Swingueirada.

-A primeira vez que coincidiron foi en Matalobos, onde racharon coa liña das series galegas.

-Xeralmente hai series amables nas que se busca o humor polo humor. Eticamente, Matalobos, propón moitas dúbidas porque ás veces ves que unha personaxe é mala, pero con matices. O que pasaba coa miña personaxe era que a xente lle caía fatal, aínda que no fondo había simpatía por el. En termos relativos está considerada coma a serie de maior audiencia da canle. Na lista dos trinta contidos máis vistos na web había vinte sete capítulos.

-Como profesional do xénero, que opina da dobraxe?

-Sempre o digo: cando podo vexo as películas en versión orixinal. Pero en galego vívese unha situación moi especial, porque quixéronse normalizar todos os estamentos da sociedade e demostrar que podía facerse o mesmo en galego que en castelán. É unha ferramenta de normalización e normativización lingüística brutal. Alguén dicía que unha hora de televisión equivalía a cinco de clase de galego. Moitas veces vanse asumindo termos e expresión, ves falando galego a astronautas, militares ou avogados.