Noticias | Agenda

Valentina reinará no Viñetas

O festival de cómic presenta a primeira exposición de Guido Crepax en España
25-07-2011 22:51
0 votos
Unha viñeta do personaxe Valentina, polo autor italiano Guido Crepax. La Opinión

Unha viñeta do personaxe Valentina, polo autor italiano Guido Crepax. La Opinión

O cómic español será o gran protagonista da decimocuarta edición de Viñetas desde o Atlántico, que terá nos debuxantes Juanjo Guarnido, David Rubín, Pere Joan e Kim e nos guionistas Juan Díaz Canales e Antonio Altarriba aos seus principales convidados.
Pero a exposición estrela deste ano será a dun autor estranxeiro, o mítico Guido Crepax, o pai do personaxe Valentina. “Estamos a falar dun artista histórico —esplica o director do festival, Miguelanxo Prado—, dun autor sen o que non se pode entender o cambio que viviu o comic nos anos 70, con esa xeración de autores francobelgas e italianos, como Manara, Pratt e o propio Crepax, que nos influiron moitisimo. Puxeron os alicerces dese concepto que abrazamos con entusiasmo despois, o cómic de autor”.
A de Viñetas será a primeira exposición que se lle adica en España ao autor milanés, falecido en 2003. “A viúva e o fillo van vir á inauguración, e faremos un coloquio con eles. Non coñezo persoalmente á muller, pero é sabido que era o modelo do personaxe de Valentina, así que hai incluso o punto morboso, de ver a persoa real que inspirou un personaxe ficticio”, engade Prado con picardía.
Sobre os autores que conforman o cartel de invitados ao festival, o autor de Crónicas Incongruentes aclara que o obxectivo da organización é o de facer una revisión da actual situación da banda deseñada española. “A última panorámica deste tipo fixémola hai dez anos, e cambiaron moitísimas cousas desde esa época. Desapareceron todas as revistas, nin se escoitaba falar do concepto “novela gráfica”, e non lembro se daquela existía Blacksad, de Guarnido e Canales, que foi o noso primeiro best seller internacional”.
“A nivel de temáticas,— prosegue Prado—, adaptacións literarias como a do Nocilla Experience de Pere Joan, eran impensables hai dez anos. Tamén era difícil pensar que tivera un oco no espazo editorial deses anos unha novela gráfica como El arte de volar, de Kim e Altarriba, que mestura autobiografía e unha crónica dun tempo importante para o país. Cambiou o espacio, e os invitados vannos dar o novo ecosistema deste panorama”.
O director de Viñetas desde o Atlántico destaca tamén a categoría que o festival adquiriu dentro do panorama lúdico da cidade: “A trascendencia do festival está fora de discusión . Hai uns anos Turismo encargou uns informes, e Viñetas apareceu como a actividade cultural de máis proxección da cidade trala Torre de Hércules. Dende a época gloriosa do Deportivo, non creo que a cidade saia tanto nos telediarios, radios e xornais como na  semana do festival. É un magnífico escaparate para a cidade”.
Este é o principal motivo polo que Prado non teme polo futuro do evento, que xa leva anos tratando coa crise económica. “Viñetas empezou a funcionar en base a mínimos —recorda o debuxante coruñés— O esquema foi sempre moi austero, porque os cartos públicos son sagrados, e o presuposto vaise estrictamente na montaxe, as viaxes dos convidados e o seu aloxamento. Queda pouco marxe, e os recortes son factibles cando tes onde recortar sen danar gravemente a estructura do que estás facendo”.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook