"As súas palabras quedaron secas, baleiras e esquecidas. Ata agora". Dese xeito preséntase Vento e Chuvia (Xerais), no que Manuel Gago describe as crenzas e deidades dos poboadores asentados na antiga Gallaecia durante a Idade de Ferro. O libro, ilustrado por Manel Cráneo e con contidos especiais na súa páxina web, presentouse onte na biblioteca veciñal de Monte Alto.

-Por que Galicia mantén vínculos tan estreitos coa Idade de Ferro?

-Comparado con outros países da Europa atlántica, probablemente sexa o que manteña os lazos máis fortes. É unha cultura na que non é necesario ser arqueólogo para vela, porque está tremendamente presente na vida das persoas. Ademais, os grandes autores do galeguismo viron un referente mítico na Idade de Ferro sobre o que se podía apoiar Galicia para o futuro.

-Como foi posible desenvolver a investigación arqueolóxica?

-Foi un proceso de elaboración moi complicado. O libro contén unha literatura un pouco especial porque, se queres facer unha mitoloxía sobre un territorio, debe ser cabal con ese territorio. Cómpre coñecer como era aquela sociedade para saber o que unha persoa desa época podía agardar dun deus. Coma un ferralleiro, consiste en colleitar historias antiquísimas para conseguir coherencia e beleza a algo do que só quedaban fragmentos moi dispersos.

-Foi necesario axudarse doutras mitoloxías?

-Hai deuses orixinais desta parte da Península, caso de Bandua, ou outros coma Bormánico, que é un deus das augas termais que ten o mesmo nome nas Illas Británicas. Os deuses deben ser coherentes con ese mundo. Inspireime moito na tradición oral galega, polo que non pode haber unha tradución máxica e elegante. É unha mitoloxía moi parecida a irlandesa, onde os deuses apenas se diferencian dos homes.

-Moitos deles son guerreiros, era unha sociedade marcial?

-Traballo con varios tipos de fontes.Unha son as aras, os altares da Época Romana que mantiveron o nome dos deuses indíxenas. Logo están as fontes clásicas, como Estrabón, que cando describe esta zona fala do carácter guerreiro desta xente. Dicía que os poboadores tiñan un deus guerreiro que é 'coma o noso Ares'. Distinguían entre Marte e Ares, o primeiro representaba a guerra estruturada, mentres que Ares era o deus salvaxe, bruto e posuído pola furia. Sabemos que é Cossue, un deus propio da zona occidental da provincia da Coruña.

-Distínguese tamén unha presenza importante de figuras femininas nesta mitoloxía.

-Resulta curioso que, quen desenvolveu a historia da Idade de Ferro en Galicia, era bastante conservadora. Iso implicou que non se fixesen estudos de xénero, mentres que en Europa xa levan décadas. Nas campañas de conquista de Décimo Junio Bruto, que pasouno bastante mal cando veu por esta zona, fálase de que as mulleres loitan xunto aos homes no combate. Subestimouse a feminidade dese mundo, no que as mulleres xogaban un papel moito máis destacado. Por exemplo, hai unha historia no castro de Elviña onde unha muller sucede como monarca ao seu avó.

-O libro recolle poboados protoindustriais. Un deles sería punta Langosteira?

-Unha das grandes desfeitas da arqueoloxía galega contemporánea. Non só pola decisión política, senón polo silencio dos profesionais que sabían da relevancia do tema e non dixeron nada. Vento e Chuvia está situado moitos anos despois de punta Langosteira. Era un xacemento absolutamente excepcional no contexto atlántico europeo. Perdemos unha oportunidade marabillosa de conservar un xacemento fantástico a cambio de algo que aínda non sabemos moi ben o que é. Punta Langosteira deixou moitas preguntas feitas para as que xa non temos resposta.