O Consello da Cultura Galega recupera as verbas ocultas dun dos seus principais referentes. As correspondencias de Luis Seoane saen á luz pública a través da páxina web do Consello, nunha iniciativa inédita que pretende estender a outras figuras galeguistas como Valentín Paz Andrade e Lois Tobío, persoeiros obrigados a desenvolver boa parte da súa carreira artística no exilio. A Fundación Luis Seoane acolle ás oito da noite a presentación da edición dixital do epistolario do autor nado en Bos Aires.

"Aínda que hai tempo que perdín contacto persoal contigo, non por iso deixei de ter frecuentes noticias túas". Fernández del Riego escribía a Seoane para consultarlle se a Federación de Sociedades Gallegas recibira o traballo Cos ollos do noso esprito. Foi a primeira das 284 cartas remitidas entre ambos escritores durante 33 anos, a recompilación máis ampla do catálogo.

O epistolario componse de máis de 1.600 misivas dirixidas ou enviadas por máis de 200 persoas, como Ernesto Sábato, Ánxel Fole e Otero Pedrayo. Décadas de correspondencias entre, xeralmente, intelectuais galegos e arxentinos destacados nos seus eidos, que falan de situacións cotiás e publicacións literarias, aínda que tamén amosan a morriña de quen abandonou unha terra onde se apagaran as luces do desenvolvemento cultural, político e social trala Guerra Civil.

Seoane abandonara A Coruña en setembro de 1936, logo de agocharse trala chegada das forzas sublevadas en xullo. Tres anos antes coñecera ao avogado, escritor e crítico de arte bonaerense Norberto Frontini en Santiago de Compostela, unha amizade clave para o desembarco do artista a Bos Aires. A páxina do Consello da Cultura Galega alberga 31 cartas entre ambos, con remites firmados en Pekín, Moscova, Lima, Londres ou París.

"Fuches a primeira persoa amiga de sempre que eu vin en Galicia, e si denantes tiña por ti amizade e admiración, unha e outra renováronse nos dous días que pasei en Lugo", relataba Luis Seoane a Carballo Calero dende Bos Aires, semanas despois de pisar Galicia. Seoane escusaba a súa tardanza pola "preguiza e perplexidade que a un lle queda logo de voltar de unha terra que, durante moitos anos, un non fixo máis que soñala dende moi lonxe".

A vida e relacións de Luis Seoane quedan ao descuberto para investigadores e curiosos, dispostos a coñecer en profundidade a un home clave para entender a cultura galega. A presentación do proxecto dixital contará esta noite coa participación do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o alcalde Carlos Negreira; o secretario da Fundación Seoane, Xosé Díaz; e a documentalista Emilia García.