Mercedes Peón trae este sábado 15 de febreiro ó Teatro Rosalía de Castro da Coruña o seu album SÓS, que fora elixido coma o quinto mellor disco do mundo pola prestixiosa World Music Charts Europe en 2011.

Trátase dun traballo discográfico e un directo rabiosamente actual. Unha experiencia sonora coma poucas, con gran contido social e único polo estado enerxético que Mercedes Peón, como é propio nela, é capaz de transmitir ó espectador, involucrándoo desde a primeira peza nunha viaxe sonora a través da súa experiencia de vida, de temas comprometidos sempre presentes nos seus discos: feminismo, minorías, desaparición dos idiomas, desigualdade social e outras preocupacións que acompañan a Mercedes Peón na súa traxectoria artística.

Con SÓS, Mercedes Peón, propón un espectáculo "á italiana" coa participación do público e dalgunha persoa local ou ben un "site specific", unha intervención sonora persoalizada para cada lugar, adaptada ó contexto e ó espacio que acolle o concerto, no que o espectador tamén xoga un rol activo. Mercedes Peón ofrece así un percorrido sonoro co público ó seu lado, contando coas persoas que a acompañan, nun intento de ocupar un espacio común: cidadanía e artista.

Mercedes Peón expresaba esta mesma semana na presentación do concerto deste sábado na Coruña que para ela tocar en Galicia é... diferente. "Pasei por medio mundo, pero quen me da a posibilidade de facer estas intervencións é a miña terra. En Galicia hai unha sensibilidade brutal para calquera tipo de expresión", declaraba a creadora nunha entrevista concedida a LA OPINIÓN.

O recital de Mercedes Peón con 'SOS' no Teatro Rosalía da Coruña será este sábado á noite, ás 20.30h. As entradas véndense a 7'00, 9'00, 11'00 e 15'00 euros (carnet joven, + 65 años, desempleados, -20%).