Volve a música á biblioteca da Sagrada Familia. O Goberno local retoma unha idea instaurada no 2010 -co PSOE e BNG en María Pita- e devolve as cancións ao vivo ás paredes da biblioteca municipal.

Os encargados de darlle vida outra vez aos Xoves na Sagrada, serán Fran Pérez-Narf, Nelson Quinteiro e a formación Chotokoeu.

Os concertos comezarán o vindeiro xoves, 24 de abril, ás sete e media da tarde, coa actuación do cantautor Narf. Entre os proxectos cos que conta este artista, está o libro-disco Nas tardes escuras, un traballo que toma como base os textos de Rosalía de Castro pero que evoluciona máis alá dos versos escritos.

Este concerto, como todos os que se celebrarán os xoves cada quince días na biblioteca municipal da Sagrada Familia, será de entrada gratuíta, aínda que o aforamento da sala é limitado.

Nelson Quinteiro será o encargado de poñer música entre os libros da biblioteca o 8 de maio. Presentará os temas do seu primeiro traballo discográfico, Orquesta Gharbo!, no que recolle algúns temas tradicionais, como o Tango da Illa de Ons, cuns arranxos diferentes. Este proxecto fíxose realidade grazas ás achegas económicas de particulares, a través do micromecenado.

O 22 de maio a formación Chotokoeu levará até a biblioteca da Sagrada Familia os seus ritmos festeiros e os temas que compoñen o seu primeiro traballo discográfico, que se chama igual que o grupo.