"É a primeira vez que se fai algo así aquí. É un risco, pero un risco que cómpre correr", apunta ilusionado Bieito Romero, membro fundador de Luar na Lubre. A banda galega máis internacional ideou o espectáculo Torre de Breoghán, que estreará este sábado ás oito da tarde no Pazo da Ópera xunto ao groso da Orquesta Sinfónica de Galicia, dirixida por Diego García Rodríguez, para repetir ao día seguinte ás 12 da mañá. Máis de cen músicos entre as dúas formacións subiránse ao escenario para recrear o vínculo mitolóxico entre as beiras de Galicia e a illa de Irlanda.

O son dos violíns, zanfonas, frautas ou contrabaixos partirá das letras do Leabhar Ghabhala Eirean (Libro das Invasións), unha xoia do medievo na que os monxes irlandeses transcribiron a tradición oral do país no século XI, recollendo un último capítulo no que lembraban a aventura de Ith, fillo do caudillo milesián Breogán. "Todo o mundo coñece o nome de Breogán, pero non sabe de onde ven", lamenta Romero, que con esta obra pretende levar a lenda ao público coruñés a través da música.

Luar na Lubre constrúe o relato partindo no punto de inicio da viaxe dos Milesiáns ata a cidade de Brigantia, onde levantaron a Torre de Breogán ou Hércules. Foi dende o alto do faro onde Ith oteou "a illa esmeralda chea de vida" -segundo relata o capítulo- que era Irlanda. "O espectáculo continúa dende ese descubrimento ata a última das invasións", engade o músico, que tamén repara nas personaxes de Breogán, Ith ou Amergin, bardo autor duns poemas que volverán soar esta fin de semana.

Esta viaxe musical ao pasado e ao universo celta acompañarase dunha película que percorrerá o capítulo do Libro das Invasións. "O público verá unha película sobre como se levantou a súa cidade. Será música para ver ou imaxes para escoitar", salienta. "É un proxecto que foi medrando ata converterse en algo extraordinario", segue o artista, que para este proxectou rodeouse de grandes especialistas como colaboradores.

Nani García, autor de bandas sonoras premiadas en películas como Engurras, encargase dos arranxos musicais, mentres que a escenografía e o deseño será responsabilidade de Fran Aleu. A galega Estefanía Cagigao pon as caras das personaxes que irán sucedéndose no escenario do Pazo da Ópera, nunha película animada que combinará imaxes en tres dimensións con hologramas.

O repertorio do concerto constará de catro partes, comezando con catro suits dedicadas aos elementos da natureza: Son da Terra, Son das Augas, Son do Ar e Ara Solis. A continuación haberá unha homenaxe á lírica galego-portuguesa; seguida da peza principal do espectáculo, Torre de Breoghán, na que os músicos centraranse no capítulo do Leabhar Ghabhála. O cuarto apartado esta reservado aos grandes temas que deixou a banda nos seus case trinta anos de historia, como Chove en Santiago, Tu gitana ou Devanceiros.

Romero compara o resultado de sumar as dúas formacións co son do disco Symphonicities, no que Sting repasaba xunto a Royal Philharmonic Orchestra de Londres os seus grandes éxitos con The Police. "Parecen cancións totalmente novas", recoñece o artista, que confía en poder levar o espectáculo a outros puntos de Galicia ou mesmo fóra dela. O traballo destes meses de ensaios e encontros para levar adiante o proxecto verase recollido nunha cinta documental de Jorge Coira.