En 1998, Manuel María e a súa muller Saleta Goi decidiron traspasar a librería Xistral, en Monforte, e mudarse á Coruña. En concreto ao piso que mercaran tempo atrás en Monte Alto, onde aínda vive a viúva preto de amigos como o historiador Felipe Senén. "Un busca o sitio onde estar máis a gusto, onde ten máis amigos. Non vimos porque si, non era para pasear por Riazor nin nada diso. Viñemos pola xente e as relacións culturais que tiñamos coa cidade", lembra Goi, presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos que, como cada ano, lembrará a figura do chairego no teatro Colón co espectáculo Lúas de Outono.

Dez anos pasaron dende o último suspiro do escritor e intelectual galego, comprometido co país, a lingua e, en consecuencia, co seu barrio. Saleta recoñece que "apenas coñecía Monte Alto" antes de se mudar á cidade, pero agora di sentirse unha máis. Así o fai dende o momento no que ela e o seu marido decidiron facerse socios da Asociación de Veciños Atochas Monte Alto, coa que participaron en reivindicacións cruciais para o barrio como o mantemento do asilo.

Compartindo o berro de Defendamos o asilo, non ao derribo con outros mil residentes de Monte Alto -entre os que se atopaban os tamén escritores Manuel Rivas e Henrique Rabuñal-, Manuel María e Saleta Goi desfilaban baixo unha máxima: "cando un chega a un sitio cómpre loitar polos dereitos cívicos de todo o mundo", resume, á vez que eloxia ao ente veciñal por cumprir con esa mensaxe.

O poeta baixaba diariamente dende Monte Alto ata a rúa Real, para departir con amigos e "xente que cruza" sobre "o divino e o humano" na cafetería Kirs. "Sempre tivo moita relación coa xente da Coruña, escritores e amigos", salienta Saleta, que lembra como Manuel María non soltaba a pluma e o papel malia estar retirado. "Xubilar xubílase algún ou algunha, pero se un segue en activo, a xubilación é relativa", advirte.

Tanto e así que, mesmo no seus últimos días, a Xunta pediulle un artigo sobre a súa vila natal, Outeiro de Rei, que acabou por escribir e dedicar a Paco Martín malia a súa enfermidade. "Era moi traballador", apunta a viúva, "sempre estivo disposto a acudir onde o chamaban. Despois de xubilado aínda máis", prosegue. Conferencias en centros de ensino, no Día das Letras Galegas ou nos Correlingua, sumadas aos centos de artigos publicados nos xornais e revistas do país. O chairego mesmo colaborou cos colectivos Burla Negra e Nunca Máis a raíz do desastre do petroleiro Prestige.

Dez anos despois do seu pasamento, a homenaxe de Manuel María no teatro Colón devólveo a escasos metros do lugar "no que foi bautizado na Coruña", recorda divertido Alberto Ansede, secretario da fundación. "Os nenos da cidade metíanse con el porque viña de Outeiro de Rei e sumerxírono na fonte de Curros Enríquez aí cal Xordán. O monumento quedoulle fixado eternamente", sinala Ansede. Ás táboas do Colón subiranse os artistas de Nova Galega de Danza este martes a partir das oito e media da tarde, cun espectáculo de entrada gratuíta que incorpora música en directo, danza e poesía.