O teatro Colón volveu homenaxear a figura do poeta Manuel María co espectáculo Lúas de Outono, promovido pola fundación que leva o seu nome e que nesta ocasión lembraba o décimo aniversario do seu pasamento. A compañía, que nacía meses despois de que o chairego falecese na Coruña, ofreceu unha función na que combinou danza, música en directo e poesía.

Ademais do repertorio habitual do grupo, os artistas decidiron incluír pezas especiais baseadas na obra literaria de Manuel María. "Non é casual a escolla de Nova Galega de Danza", recoñecía a pasada semana Alberte Ansede, secretario da institución, que sinalou como ambos mesturan "tradición e modernidade, combinando elementos de vangarda". Ansede salientou que Nova Galega de Danza representa "o relevo natural de Manuel María, ao tratarse de dúas manifestacións artísticas diferentes pero confluentes".

A entrada para o espectáculo, como cada ano, foi gratuíta para lembrar a figura do poeta chairego, que pasou os últimos anos da súa vida no barrio de Monte Alto, onde mantivo unha intensa actividade.