Voces autorizadas da literatura galega contemporánea xúntanse este domingo 28 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña para participar nunha homenaxe a Luisa Villalta, autora e profesora falecida no ano 2004. Lino Braxe, Marica Campo, Miguel Anxo Fernán Vello, Carlota Fiaño, Francisco Xosé Fernández Naval, Luz Pozo, Xavier Seoane, Mercedes Queixas, Xulio López Valcárcel, Dores Tembrás e Eva Veiga serán os encargados de lembrar a Luisa Villalta recitando unha selección de poemas da súa obra nunha homenaxe poético-musical na memoria da profesora.

A homenaxe -bautizada co título 'Volver a Luisa Villalta. No outro lado da música, a poesía'- comezará ás 11h coa colocación dunha placa na honra de Luisa Villalta na que foi a súa casa, no número 6 da coruñesa rúa Vila de Laxe. Acto seguido, arredor das 12.15h, está previsto que comece a gala poético-musical programada no Teatro Rosalía de Castro.

O acto arrancará coa intervención de Cesáreo Sánchez, presidente de la Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), seguida dunha actuación musical a cargo do dúo Paganini de guitarra y violín, que interpretará unha obra de Bach elixida para a ocasión polos promotores desta homenaxe.

Haberá, logo, unha primeira tanda de recitado de poemas de Luisa Villalta, da que se encargarán Lino Braxe, Marica Campo, Miguel Anxo Fernán Vello, Carlota Fiaño Salinas, Francisco Xosé Fernández Naval. Trala interpretación dun fragmento de cuarteto de corda con mezzosoprano e texto de Cesáreo Sánchez Iglesias, seguido dun trío de flauta e corda de Mozart, haberá unha segunda rolda de escritores que subirán ó escenario para lembrar, de viva voz, os textos que deixou a finada escritora Luisa Villalta, como Luz Pozo, Xavier Seoane, Mercedes Queixas, Xulio López Varcárcel, Dores Tembrás, Eva Veiga.

A entrada para asistir á homenaxe a Luisa Villalta este domingo no Teatro Rosalía da Coruña é de balde ata completar o aforo.

A Deputación da Coruña e o Concello coruñés colaboran coa AELG neste acto de lembranza á que fora unha das autoras máis queridas, e agora máis lembradas, do panorama literario galego.