-Que lle parece esta iniciativa de combinar música coa lectura de literatura galega?

-Eu comecei a falar galego cando fun á universidade. Co meu grupo de amigos, a maioría deles da Mariña lucense, reencontreime co meu idioma e xa non o abandonei. Son lector, gústame tanto a narrativa como a poesía, así que paréceme unha iniciativa extraordinaria. Se queremos construír unha sociedade mellor, é necesario implicala na lectura e na aproximación ás artes en xeral. A lectura debe formar parte do menú diario das persoas para que a sociedade mellore, sexa máis feliz e ilustrada.

-Concertos coma este axudan a que o número de neofalantes aumente nun momento difícil para o idioma?

-Penso que todos temos a oportunidade de facelo, hai que buscar dalgún xeito os camiños que faciliten o cruce desa fronteira. Iso permitiría empregar algo que é patrimonio de todos. É fantástico ter unha lingua diferenciada no mundo que, ademais, non colisiona con ningunha outra. Os datos sobre o uso do galego na miña cidade e bisbarra póñenme triste, pero quero ser unha persoa optimista. Todos debemos remar para reverter un pouco esa situación. A Coruña sempre tivo moitos galegofalantes, e o galego escóitase e emprégase nos barrios. Hai que usalo con fachenda e, como se dicía antes, hai que baixar á Coruña e empregar o noso idioma con normalidade. Iso porá a cidade máis bonita.

-Hoxe estarán dous coruñeses recibindo a un artista vasco, Kepa Junkera, que ademais ven cun disco chamado Galiza

-Si que é curioso. Coñecémonos ben os tres. Respectámonos e somos bos amigos. Pode ser un concerto ben interesante, con estilos diferenciados e algunha sorpresiña polo medio. Para min é especial tocar xunto a Kepa despois de varios concertos este ano, porque desta vez farémolo na miña casa

-Como sona a fusión que fai con Junkera?

-Kepa é, por encima de todo, unha persoa que ten unha enerxía desbordante no escenario. Iso implica que teña un alto nivel de empatía co público. As veces que toquei con el, teño a sensación de que contaxia esa enerxía. Eu toco pandeiretas e pandeiros, por iso é un concerto de ritmo medio-alto e divertido.

-E súmase o rock de Sés.

-Ademais Sés comparte esa virtude de Kepa, o magnetismo co público. É unha muller que transmite moi ben. Sen dúbida é a revelación da música galega nos últimos anos.