Dende aqueles primeiros caolíns recollidos en Laxe ata as louzas producidas industrialmente en Sargadelos, a exposición A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo repasa máis de sesenta anos de traballo dedicado ao arte. A sede de Afundación amosa a primeira gran retrospectiva dedicada ás cerámicas elaboradas polo artista sadense e os empregados dos seus obradoiros. A mostra, coordinada pola Deputación de Lugo e Afundación, poderá contemplarse no edificio do Cantón Grande ata o próximo 10 de xaneiro.

Foron necesarios dez anos de estudo para que Fernando Arribas e Teresa Pena, comisarios da mostra, puidesen reconstruír a faciana paralela á actividade pictórica de Díaz Pardo. As obras máis representativas do autor mestúranse con prototipos e bosquexos inéditos nunha exposición que non só pretende honrar a súa figura, senón desvelar o seu "papel innovador nas vangardas e na produción artesanal", salienta Arribas. A singularidade dos seus produtos constatan o carácter vangardístico das súas obras, nas que o artista "ía varios pasos por diante". O experto lembrou que, mentres a elaboración de xerras en España mantiña deseños decimonónicos, Díaz Pardo revolucionaba a estética destes obxectos.

Os dous últimos pisos do centro amosan máis de 350 pezas que foron divididas en dúas etapas. A primeira -entre 1947 e 1955- constitúe a parte pictórica, cando o creador se instala no Castro de Samoedo, que asentaría as bases do futuro Sargadelos. Os dous investigadores establecen unha época clásica fronte a outra expresionista, cunha temática diferente nas que tamén traballa Carmen Arias, Mimina, a súa muller. As pezas fabricadas a continuación responden a etapa de deseño industrial, na que marcha a Arxentina e coñece novas fórmulas e modelos visuais. Alí funda a fábrica de Porcelanas Magdalena e coñece a intelectuais galegos exiliados como Blanco Amor, Rafael Dieste, Lourenzo Varela ou Luís Seoane, que o axudaría anos máis tarde a retomar a actividade do obradoiro de Sargadelos.

"O que facía Picasso na pintura, facíao Isaac coa cerámica", compara Arribas, sinalando a característica descomposición formal das súas obras nesta etapa. A exposición tamén contempla o plano industrial na labor de Díaz Pardo, amosando replicas dos carteis ilustrados por el mesmo que penduraban as paredes dos seus obradoiros.

Un encerado recibe aos visitantes con varias pautas que os traballadores deben cumprir. "A fábrica é de onde sacamos os recursos pra vivir e ten que estar máis limpa, máis organizada e millor administrada que a nosa casa", reza unha das mensaxes que o artista recordaba aos seus empregados.

"Moitos deles eran xente con pouco nivel académico", explica o fillo do pintor, Xosé Díaz, polo que os requisitos laborais que o seu pai daba aos operarios dos obradoiros eran claras e concisas. Un dos carteis compara unha morea de patacas con varias pezas de cerámicas, advertindo de que se as patacas deben ser colocadas con coidado para non magoalas, as precaucións coas porcelanas teñen que ser aínda máis extremas.

A exposición mergúllase na produción artesanal de Díaz Pardo, aínda que tamén serve para amosar as iniciativas culturais e industriais que dignificaron e reivindicaron o arte galego, a través de iniciativas como a propia refundación de Sargadelos, a creación do Museo Carlos Maside ou a restauración do Seminario de Estudos Galegos.