O CGAI (Durán Loriga, 10) inicia hoxe un percorrido ao longo da sétima arte galega, que este mes alcanza o seu cuarto de século. Hoxe, 25 de novembro, iniciarase un calendario de 25 sesións que celebrarán un fito na cultura do país, a proxección das tres primeiras longametraxes feitas en Galicia. O Teatro-Cine Fraga de Vigo acolleu, do 23 ao 25 de novembro de 1989, as estreas de Continental (Xavier Villaverde), Urxa (Alfredo García Pinal e Carlos Piñeiro) e Sempre Xonxa (Chano Piñeiro). Un acontecemento xurdido en pleno bipartito da Xunta, resultado dunha decidida aposta por crear unha forte industria cinematográfica galega.

O programa CineGalicia25 conta, ata o 20 de decembro, cun total de 50 longametraxes, curtas, fitas de animación e documentais elaborados entre 1989 e 2014, ademais das obras filmadas anteriormente durante os setenta e oitenta. Oito profesionais expuxeron as súas propostas para organizar un calendario no que se emitirán as creacións "máis representativas e que reflicten maior diversidade", segundo apunta un dos membros da comisión de expertos, José Manuel Sande, programador do CGAI. A escolma parte dun criterio historiográfico, tentando amosar os paradigmas das distintas etapas do cine galego.

A historia repítese hoxe en A Coruña 25 anos despois do festival olívico coa exhibición de Coninental ás 18.00 e 20.30 horas, con entrada de balde ata completar aforo. Mañá e o mércores amosarase tamén en dobre sesión e no mesmo horario Urxa e Sempre Xonxa, respectivamente. "Parten da idea de facer algo propio e con identidade galega", engade Sande, que advirte da existencia dunha etapa anterior que serviu como "caldo de cultivo" á eclosión dos oitenta.

O venres e o sábado pasaranse tres sesións baixo o título Pioneiros, unha primeira achega á posterior industria cinematográfica galega. O crítico sinala que estas películas de principios da década dos setenta son as primeiras "cunha reivindicación nacional". Naquela época xorden os equipos Lupa, Enroba e Imaxe, ademais de Eloy Lozano, que traballa de maneira independente e filma Retorno a Tagen Ata (1974), adaptación da novela de Méndez Ferrín que poderá verse o venres no CGAI.

No mesmo día ofreceranse as curtas Fendetestas (Antonio F. Simón, 1975), O herdeiro (Miguel Gato, 1976), O monte é noso (Lorenç Soler, 1978) ou Río de Sombras (Daniel Domínguez, 1986). O sábado proxectarase a longametraxe Malapata (Carlos Piñeiro, 1980), a primeira producción galega, aínda que o seu escaso éxito empresarial supuxo a fin do grupo Imaxe. A partir de entón impúlsase a creación nos ámbitos da videoarte e a aparición da Televisión de Galicia.

A Secretaría de Cultura impulsa a mediados dos oitenta -baixo a dirección de Luis Álvarez Pousa como secretario xeral- unha serie de axudas destinadas a potenciar o salto definitivo a ansiada industria do cine. Chegarían así os tres títulos en 35 mm estreados en Vigo hai 25 anos, marcando o punto de partida da sétima arte.

Sande estima que existen unhas 160 longametraxes "oficiais" realizadas dende 1989, case sempre amparadas pola protección da Consellería, cun período de esplendor entre 1997 e 2002 coa estrea de 27 películas. O programa repasará éxitos recentes como Celta 211 (Daniel Monzón, 2009), Pradolongo (Ignacio Vilar, 2008) ou 18 comidas (Jorge Coira, 2010). O ciclo insírese na serie de actos paralelos a exposición inaugurada o pasado venres no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.