En pouco máis dunha hora, polo escenario do teatro Colón desfilan temas como o amor, a busca da felicidade, a procura dun mesmo, a guerra e a dignidade laboral. "Son temas fundamentais na miña obra", recoñece Xoán Carlos Mejuto, autor das catro pezas que compoñen a función desta noite. Os alumnos do Taller de Arte Dramático representan, a partir das 20.30 horas, a última sesión de 4, con entrada gratuíta e libre ata completar aforo.

En total son quince os actores e actrices elixidos o pasado mes nun casting para interpretar esta obra, que conta ademais coa presenza do profesional Xelo Cagiao. O actor, que participara o ano pasado no Laboratorio Teatral, foi contratado para acompañar ao elenco pola súa proxección e activa participación. Na dirección deles atópase Ramiro Neira, orgulloso da "ilusión" dos seus intérpretes, máxime nun escenario como o Colón. "Ninguén leva moito tempo", engade Neira, que conta con artistas dun abano moi diverso, dende os vencellados ao teatro amateur aos que "están a dar os seus primeiros pasos".

O guión do espectáculo parte de catro historias escritas por Mejuto hai máis de dez anos, nas que combina humor con temas de base comprometida. O primeiro deles é Unha misión humanitaria, na que tres soldados destacados nun país que descoñecen perden a noción do tempo nunha trincheira. Un relato de tremenda actualidade no seu momento, coas guerras de Afganistán e Iraq aínda latentes. Tamén vive do seu contexto a seguinte peza, Felíz día de compras, coa folga xeral de 2002 coma escenario.

Os piquetes "a este decretazo lle damos carpetazo" saúdan ao público, mentres dúas persoas entran no seu lugar de traballo nuns grandes almacéns por medo a perder os seus postos. A esta séguelle Unha historia con chuvias nos cristais, coa que Mejuto firmaba un tríptico que decidiu ampliar ao ano seguinte con A consulta. Todo comezara coma un encargo de Casa Hamlet, pero unha década despois resume as constantes do seu traballo. O autor sinala que "pode haber un transfondo serio, pero todos os temas son tratados con certo humor", malia recoñecer a dureza de certos momentos como os que viven os tres soldados da primeira obra.

Neira salienta que "un dos aspectos fundamentais deste laboratorio é visualizar as obras dun dramaturgo galego", aínda que insiste en colocar a Mejuto coma un dos exponentes da nova dramaturxia xunto a Rubén Ruibal e Santiago Cortegoso, cos que manterá unha mesa redonda mañá a partir das 20.30 horas no Colón. As actividades desta semana proseguen o venres co recital poético Ten Flor, seguido o sábado polo concerto Dualidades, de Nani García e Simón García.