Cada vez son máis as persoas que ao berro de "Os da Ría" responden "Alegría!", a consigna do dúo formado por Carlos Meixide e Tomás Lijó. Cando suben aos escenarios convértense en Arturito Puy e Fabián Santomé, que hoxe ás 20.00 horas estarán na Normal (paseo de Ronda, 47) repasando o seu repertorio, cantando na súa característica vertente galegueira, a súa peculiar versión do galego, que Carlos Meixide emprega para respostar a esta entrevista.

-Vostede é da Gaiteira pero Os da Ría aínda actuarán hoxe na Coruña por primeira vez.

-É increíble como, dalgunha maneira, un non acaba de ser profeta na súa terra. Os fans coruñeses están devecendo por ver as cantadeliñas e xites de Os da Ría. Ademais estaremos grazas a programación do Ducias de Cans na Normal, que desta vez será menos normal porque estaremos nós coas nosas trangalladas.

-Tiveron unha actuación salientabe neste Festival de Cans.

-Tivemos a forna de enxergar un concerto senlleiro no Torreiro de Cans que foi bastante comentado. Sobre todo cando Fabián Santomé decidiu tirarse en prancha ao público, o cal foi bastante espectacular dados os seus 112 quilos. Lembro perfectamente os quilos porque sabía que era o teléfono que tiña que marcar por se pasaba algo. É un pracer estar na programación do Ducia de Cans porque nos permite acceder á cidade de A Coruña. Coruña parece ser que se di así, que non é con 'L'. Hai xente que insiste que é con 'L', pero aínda non escoitei a ninguén dicir 'A Loruña'.

-Seguen coas cancións do seu Disco Díscolo

-O disco chegou despois do noso concerto de despedida. Como gustou, decidimos continuar e sacar o Disco Díscolo, que dalgunha maneira ven a ser un recompilatorio de todos os xites da nosa longa carreira de éxitos. Agora queremos sacar un pequeño EP, un casete con cinco ou seis temas novos. Este concerto na Normal non será convencional e centrarémonos nos xites máis famosos: Infanta Elena, Fernando Ónega, Feijóo ou Esta canción non é moi boa pero chega ao corazón.

-A infanta Elena é das poucas persoas da familia real que non se viu salpicada por escándalos.

-É unha gran amiga, coma Froilán, que apoiamos para rei de Galicia se se da o caso. Para nós é especial, non só por selo, senón tamén por ter unha educación especial.

-Adicaranlle algún tema á infanta Cristina?

-Fixeramos un obradoiro de compunxencia de cantarelas e propuñemos un título sobre o que traballar. A xente escolleu a Cristina e comezaron a saír rimas como metanfetamina, codeína, cocaína, etcétera. Merece un tema de seu.

-Fernando Ónega desexoulles feliz ano en 2013 despois de adicarlle unha canción. Cren que Feijóo responderá igual?

-O que pasa é que Feijóo é moi bo amigo. Tiñamos unha foto con el nun iate nos anos noventa, o que pasa é que daquela era normal porque estabamos todos metidos no mesmo. Era unha loucura. Calquera día celebrará o fin de an connosco.

-Que foi antes: Pedro Puy ou Arturito Puy?

-Coincidimos unha vez en Pontevedra e preguntoume por que era eu Puy. Contesteille que por que era el Puy. Chegamos a conclusión de que así eramos porque seremos familia. Os dous temos un pelazo.

-Por que sempre as chaves do coche na man?

-Penso que son o único artista europeo que o fai, antes había un letón que o facía, pero xa morreu. É unha tradición que me gusta porque teño moito apego ao meu coche.