"Nós somos das primeiras xeracións que saíron xa formadas como músicos profesionais das orquestras xoves da Sinfónica, así que, hoxe, imos estar tocando cos nosos mestres detrás", explica Rodrigo Rodríguez, que toca a tuba no quinteto de metais Hércules Brass.

Detrás terán aos seus profesores, pero diante, sentados nas cadeiras do Palacio de la Ópera terán estado ao final da semana, 4.500 alumnos de escolas da Coruña, Arteixo, Sada, Ordes, Miño, Culleredo, mazaricos, Zas, A Laracha Abegondo, San Sadurniño e Ares.

A Orquestra Sinfónica de Galicia e Hércules Brass presentan hoxe "na súa estrea mundial" un espectáculo no que contan a historia "dun quinteto triste que anda disperso polo centro de Europa e que non ten acubillo en ningún lado, porque non vale para tocar nunha voda nin nun bautizo, tampouco vale para amenizar unha verbena... pero que atopa, na axuda da bruxa Anónima [interpretada pola actriz Paula Carballeira] e no conto que conta, un camiño para acabar no escenario cunha orquestra sinfónica", segundo explica Rodrigo Rodríguez.

"É unha orquestra moi valente e confía en nós, porque nos dá a oportunidade de tocar como solistas", comenta este músico que asegura que, se Hércules Brass optou por apostar por unha formación atípica é porque aos seus compoñentes non lles gustan as cousas sinxelas. "O noso repertorio para quinteto de metais é moi novo, de 1850 para adiante, é un pouco escaso e a calidade deixa bastante que desexar. O que hai respecto a quinteto e orquestra é moi limitado", comenta Rodríguez, foi por iso polo que decidiron que no seu espectáculo sonasen clásicos populares -de Brahms, Strauss, Offenbach, Bizet e Piazzola- pero arranxados para os seus instrumentos da man do músico Adrián Saavedra. "Son pezas que lle sonan a nenos e maiores e verán que estes instrumentos de vento-metal, que andan por aí apartados moitas veces, son quen de teren unha versatilidade asombrosa", defende o intérprete Rodrigo Rodríguez.

E como naceu Hércules Brass? pois porque os seus integrantes coincidiron nas formacións de pequenos artistas da Sinfónica e porque pensaron que era o seu labor darlle unha volta aos quintetos de metal. "Temos moitas ganas, disciplina, dásenos bastante ben o instrumento e a música de cámara e por que non tratar de incentivar os compositores de aquí?", di Rodríguez, que aposta por facer "dun quinteto de metais, un grupo exemplar máis da música de cámara".

Cando se xuntaron, xa todos sabían como querían que sonase o repertorio porque todos recibiron a mesma formación e aprenderon a tocar "dun xeito determinado". Que os chamase a Sinfónica para este proxecto non lles salva de teren sufrido, coma tantas outras formacións en Galicia, a falta de comprensión e de interese dos programadores. "Estamos un pouco fartos de que, como somos de aquí, pareza que valemos pouco. Cando vén un de fóra e pide moitos cartos, hai de todo, pero se vimos nós, a sala gasta moita luz", denuncia Rodríguez.

As funcións para escolares -de entre nove e doce anos- serán hoxe e mañá no Palacio de la Ópera e o sábado, 31 de xaneiro, ás 12.00 horas, haberá unha función familiar. O prezo das entradas infantís é de dous euros e as dos adultos é de cinco euros e pódense mercar na web entradas.abanca.com; na praza de Ourense, no teléfono 902 434 443 e tamén na billeteira do auditorio.