María Lado (Cee, 1979), actriz, tradutora, escritora e, sobre todo, poetisa, formou hai unha década o dueto Aldaolado con Lucía Aldao. O próximo venres actúan con Santiago Auserón na primeira edición do ciclo O alfabeto híbrido. Ás 22.00 horas na Fundación Seoane.

-Como son os seus recitais?

-En teoría son recitais de poesía, pero só en teoría (ri). Na práctica son unha mestura entre recital, concerto e contada, narración. Contamos as nosas aventuras e desventuras de poetas. Recitamos algúns poemas como se fixo toda a vida, que son os menos, e outros con música en directo.

-Con textos propios?

-Normalmente facemos textos nosos, porque realmente as dúas somos poetas, a mestura é un engadido. Tamén algunha versión.

-Por que engadir a música?

-Porque nos gusta, nos divirte, á xente lle custa menos escoitar un recital así. E para achegarlle a poesía á xente dun xeito máis amable, escapar desa idea tan ríxida do que é a poesía. En xeral a xente ten a idea de que o recital é unha cousa moi aburrida, aínda que está cambiando un pouco. A idea era demostrar que a poesía é tan divertida como ir de marcha.

-Os textos son tamén desenfadados, animados?

-Non, nós normalmente non facemos textos de chiste. Pode ser que contemos algunha historia divertida vinculada co texto antes de recitar, e ás veces escribimos textos non con moito afán poético senón coa idea de facelos máis chistosos. Pero a maior parte son moi serios. As partes musicais moitas veces teñen un ton melancólico, ou escuro. As risas adoitan ser todo o que está ao redor.

-Cal é o ton dos poemas?

-Facemos directos xuntas, pero na escrita de cada unha non intervimos. Ela ten o seu tipo de textos e eu o meu. Os meus adoitan ser moi narrativos, pero non todos.

-Os poemas van variando?

-Si, o espectáculo non ten os números fixados e imos introducindo os novos, en función do día e do que nos pide o corpo. Aínda non decidimos como construíremos a escaleta para a sesión do venres.

-Hai interacción co público?

-Facemos xogos co público, aí buscamos a súa participación.

-Como son eses xogos?

-Temos varios distintos. A dinámica é construír un poema entre todos, baixo diversas fórmulas. Temos unha variación do xogo de beber de eu nunca, na que repartimos versos de poetas que comezan dicindo eu nunca. A idea é que a xente bote unhas risas e saque algo da tensión de ir a un recital poético, e que ao mesmo tempo teña resultado, que vexan que chega a algo e que fan un poema colectivo. Tamén vai na liña de demostrar que calquera cousa é susceptible de facer poesía se o les con esa intención, é algo que facemos moito nos centros de ensino.

-Cal é o xogo que están facendo agora?

-Ultimamente pedímoslle á xente unha confesión por WhatsApp para construir un poema. Non dicimos quen fai as confesións, pero moitas veces damos como premio, uns versos nosos. Así que a persoa que gaña, a confesión máis descarnada, ten que saír a recollelo. Pero á xente non lle dá vergonza.

-O recital é en galego. Como fan cando saen de Galicia, cambian de idioma?

-Se hai comprensión coa lingua do público, como co castelán ou o portugués, facemos a cháchara nese idioma e os textos en galego. Se non, coma en Irlanda, traducimos algún texto á lingua de destino e pedimos a alguén que o recite.

-Teñen ganas de traballar con Santiago Auserón?

-Non o coñezo personalmente, pero si coñezo o que fai, e gústanme moito as súas letras. Para nós é unha honra, parécenos un planazo e estamos un pouco ata acojonadas.