Ramiro Neira, membro de Artestudio Xestión Cultural, é o creador e único actor de O avó, unha peza didáctica para nenos. Este sábado ás 12.00 horas no teatro Colón.

-É o estreo absoluto da obra?

-Tal e como se vai representar, si. Será unha peza teatral na que saio só, vestido de negro, cun carriño de bebé no que se supón que está o meu fillo, e fálolle sobre o meu avó. Pero o material xorde do meu traballo como narrador para nenos, para concellos e colexios. Levo traballando sobre as cuestións da obra uns dous anos.

-Que o levou a creala?

-O que vexo ao traballar como profesor de teatro a rapaces: o oitenta por cento dos que os veñen a recoller son os avós. E que son pai, e vexo que necesito dos meus pais e sogros para compatibilizar a miña vida laboral e persoal. Penso que o contexto adecuado para ver a obra é o do público familiar, e non o dos rapaces cos profesores. Que saian falando os nenos coas súas familias da figura dos seus avós.

-É unha obra para cambiar dinámicas familiares?

-Polo menos para facer reflexionar. O teatro infantil ten que divertir, pero tamén ten que ser un método de reflexión. Quero facer un teatro educativo e de transmisión de valores, que teña recorrido.

-Que pretende transmitir?

-Que os maiores poden aportar valores. Desde xogar sen tecnoloxía á serenidade, á maneira de vencellarnos coa natureza e ao concepto de aldea. Os pais precisamos dos maiores para que ensinen cousas que nós non somos capaces de ensinar. E hoxe estamos nunha sociedade tremendamente egoísta: é a que precisa máis dos maiores e a que menos os escoita.

-A obra contou cunha asesora pedagóxica. Por que?

-Para que o que transmito poida ser entendido polo marco de idade ao que lle falo, basicamente de rapaces de primaria acompañados pola familia. Aínda que tamén presentei este discurso ante rapaces de 4º da ESO e funcionou moi ben.

-Que cambiou na familia?

-Estamos nunha sociedade na que temos sorte se non vemos aos nosos fillos, porque iso quere dicir que temos traballo. E que hoxe topámonos con nenos cativiños con avós moi maiores, con menos enerxías, que ademáis teñen que facerse cargo dos nenos máis ca antes.

-Como educan pais e avós?

-Por desgracia os pais moitas veces facémolo desde o estrés. Estamos cansos e estresados e aí aparece a frustración e o berro. Os avós están xubilados e educan de xeito diferente. Pero deberían estar descansando ou desfrutando dos rapaces sen horarios marcados.

-Que pasa se hai conflito polos diferentes valores xeracionais?

-A palabra conflito é unha que me gusta na educación. Se o hai, hai que solventalo, e iso tamén é positivo. O neno ten que escoitar a visión de pais e avós para ter unha visión de 360 graos. Os avós nos van falar doutra forma de vivir, a nós que estamos nunha sociedade individualista e consumista. O pedagogo Tonucci di que cando un neno está dicindo unha tontería témolo que escoitar; seguramente detrás dela haxa unha verdade que se nos escapa. Cos nosos maiores, igual.