O músico Pablo Vidal (Bilbao, 1966) é, compositor, contrabaixo e líder no trío que conforma xunto con Gabriel Peso (piano) e Noli Torres (batería). Mañá presentan o seu primeiro disco conxunto, Jazz pagano, no que mestura as tradicións musicais do jazz e do folk galego. No Jazz Filloa, ás 22.00 horas.

-Canto tempo levan como grupo?

-Pouco, un ano, quizáis. Xa nos coñeciamos de antes por coincidir noutros proxectos. A iniciativa xurdiu pola necesidade de tocar os nosos propios temas, non versións. Vivimos en cidades diferentes, e fixemos a gravación do disco nun día, foi rapidísimo. Estou noutros proxectos que hai que ir madurando pouco a pouco, pero tiña necesidade de tocar estes temas xa, facelos rápido, gravalos en directo.

-Gravaron entón sen ensaiar?

-Intentamos facelo o día anterior, pero o teléfono non paraba de soar. A gravación foi como un concerto: tocamos os temas dúas veces e escollimos unha delas. Teño a sorte de contar con dous compañeiros que son uns cracks.

-Compuxo todos os temas?

-Si. Pero aínda que eu fixera os arranxos, como soe pasar no jazz, a colaboración dos meus compañeiros é vital. Cando os empecemos a tocar en directo quedará algo do orixinal, pero non van a ser idénticos aos do disco. Hai unha dose moi forte de improvisación, van ir evolucionando. E nun dos temas do álbum, un alalá, no que contamos coa colaboración da cantante Uxía Senlle, ela e máis eu musicamos un texto tradicional galego para crear a peza.

-Por que naceu a idea de mesturar música tradicional e jazz?

-Porque colaboro noutros proxectos nos que mesturamos tradición con música máis contemporánea, e porque vivimos en Galicia. O jazz ten un alto compoñente de tradición, pero americana, pero loxicamente a nosa tradición, o que mamamos, é a galega. Ademais, tamén é aportar algo novo ao jazz. Non intentar tocar como os americanos, senón empregar a improvisación e liberdade da linguaxe do jazz e incorporar elementos nosos.

-Que aporta a combinación?

-Para min é algo potentísimo, bestial. En flamenco xa se fixo moitas veces, aquí aínda estamos empezando a ver por onde podemos ir. Pero promete bastante. Temos que acotar aínda a maneira deque as dúas tradicións encaixen, de mesturar a profundidade dos alalás co ritmo do jazz? Intentamos darlle ese compoñente de improvisación na a que se move, a que cambia, é a melodía e non o texto.

-Terá continuación este disco?

-A nosa idea é facer unha tetraloxía, pero non sei canto tempo nos levará. Xa temos cancións que van estar nos outros tres álbumes. Jazz pagano componse de oito temas, uns cincuenta minutos de música, nos que a temática é o mar. Pode considerarse como un continuo, unha sinfonía na que os temas están enlazados uns cos outros.

-E cal será a temática dos próximos traballos?

-Van tratar dos outros elementos. O seguinte vaise titular Terra, ou algo moi parecido, e imos facer unha fusión aínda máis fonda entre o jazz e a música tradicional galega. Logo virá Fogo, que vai ter unha temática máis paixonal, e o cuarto será máis etéreo, máis liviano, e tratará sobre o aire.

-Na música tradicional ten predominio a voz. Como a incorporan?

-Neste disco contamos coa participación da cantante Uxía, pero máis ben é unha colaboración. A maior parte do CD é instrumental. Hai dous temas con voz: nun deles hai texto, no alalá, e no outro a voz úsase como un instrumento máis.

-Cre que hai demasiado academicismo na música?

-Non é que haxa demasiado na música, é que todo é moi académico hoxe en día. Poñémonos demasiadas normas, que están moi ben para aprender e ir todos xuntos, pero se queres seguir creando e facer cousas novas tes que rompelas. Iso xa o dicía Miles Davies, as normas hai que aprendelas para poder rompelas: se non, atopas un teito e non podes seguir evolucionando.