César Cambeiro (Carnota, 1958), antigo protagonista de Terra de Miranda, actúa ás 21.00 horas deste venres no Rosalía de Castro no derradeiro pase en Galicia da obra Xardín Suspenso, un drama sobre a familia dunha rapaza que se mergulla na apatía. A obra, escrita por Abel Neves, represéntase en Galicia por un acordo entre o Centro Dramático Galego e o lisboeta Teatro Nacional Dona María II.

-Por que se decidiu a participar nesta obra?

-Cando me chamaron faláronme da obra, da montaxe e do elenco, e sobre todo do director, Cándido Pazó, que é un dos directores de referencia. Cando me dixeron que ía ser un intercambio entre Portugal e Galicia e que despois de Galicia iamos actuar en Lisboa aumentáronme a ilusión. Todo sumou.

-A obra é unha traxedia pero con puntos cómicos...

-Son circunstanciais, unha espita para que o drama respire e a obra non se faga excesivamente pesada, que non saias de aló con mal corpo. Son seis personaxes, a maior parte formando parte nunha familia na que eu son o pai. É unha historia de amor descarnado que non se consuma, na que o personaxe da miña filla está namorada dun home pero as cousas non poden saír como ela quere.

-E como reacciona o seu personaxe?

-A partir dos vinte minutos o espectador sabe perfectamente de que vai a obra, pero o meu personaxe nunca chega a sabelo, a entender a súa dimensión completa. Iso é o absurdo da traxedia.

-Por que non entende?

-Pola incomunicación que existe dentro da súa familia. Que está unida, pero sen unha comunicación real. Cando a súa filla ten un problema pensa en mandala a un manicomio, a un psicólogo. Busca solucións disparatadas.

-O personaxe é exmilitar?

-É un veterano da guerra de Angola, e ten unha maneira estereotipada de solucionar os problemas. A primeira reacción ao ver esta obra, ao ver como o personaxe da miña filla vai en picado, é pensar: Daslle un par de hostias á rapaza e xa está! Que o digo nalgún momento.

-Como é a familia?

-Construíron un mundo de relación con códigos que non chegan a ser completamente abertos e sinceros, pero que lles permiten levar unha vida cómoda.

-Por covardía?

-Non, é que funcionan así. Eu, na infancia, comunicábame cos meus pais, pero da miña vida non sabían a metade. Iso non ocasionou ningún problema porque ata certo punto é natural, pero cando se leva a uns extremos e os lazos de comunicación entre uns e outros non están engraxados, iso leva a un corte da relación.

-A obra ten afán pedagóxico, propón solucións?

-Eu creo que é un retrato, non pretende adoutrinar a ninguén. Simplemente amosar a vida das persoas. Logo cada un pode sacar as súas propias conclusións, pois cada un entra no teatro co bagaxe que leva detrás e as súas propias experiencias, que lle fan vivir a obra dunha maneira ou doutra.

-A obra é para toda a familia?

-No primeiro momento pensamos que era moi forte para mozos. Representámolo para colexios e a experiencia dinos unha cousa completamente distinta. Os rapaces ven o drama da filla e víveno de maneira próxima, solidarízanse co seu drama. Se o público é adulto solidarízase máis cos seus pais? O da filla é absurdo para maiores de 40, pero para menores de 35 é totalmente natural.

-Que é o que máis lle gusta do seu personaxe?

-Podería ter feito perfectamente un militar, plano, cuadriculado. O que me enriqueceu foi buscarlle as arestas, presentalo coma un prisma con moitas caras. O seu humor parte da súa propia traxedia. O personaxe tamén vai aprendendo, e ao final impera nel o sentido militar de supervivencia e de pensar que a vida continúa.