Xacio Baño (Xove, 1983) foi listado recentemente na revista Variety entre os dez realizadores en alza do cinema español. O festival de cine (S8) recolle unha sesión da súa obra este xoves en Afundación, e o venres, ás 18.30 horas no mesmo lugar, organiza un encontro entre o director e o público.

-Vostede empezou no cinema relativamente tarde.

-Cando era cativo non concebía outra cousas que estudar para enxeñeiro. Foi cando fun Madrid a facelo que me decatei de que había posibilidades máis reconfortantes.

-Non vía películas?

-Non era para nada cinéfilo, nin vía películas por placer. Non fun degustador de cine ata que notei que me axudaba a expresarme, quitar demonios e baleirarme. Estaba nunha crise moi persoal e comecei a escribir como un desafogo e contalo por imaxes, posto que eu son máis de imaxe que de palabras. Fun a facer cine antes de gustarme o cine, podese dicir así.

-Tivo moi boa acollida moi cedo coa curta Anacos

-Como nunca soñei con ser director, tampouco os éxitos me enchen para nada. Anacos foi acertar, facer algo que lle gustase a moita xente, tivo máis de 30 premios e permitiume vivir dela uns anos... Pero como creador, acertar tampouco é a sensación máis marabillosa. Prefiro as pelis que teñen máis defectos que as que saen máis redondas.

-E a curta Ser e voltar

-Xurdiu para ter un recordo dos meus avós maternos. Fun nun fin de semana gravalos: a miña avoa coa vaca, o meu avó no monte. Pero ao chegar alí comezaron a aparecer cousas... Eles preguntábanme polo cinema, así que fixen unha pequena ficción para se puxeran na miña pel e viran por que é tan grande este oficio. Empezaron a imaxinar máis ca min, e acabaron entendendo o meu oficio. Foi un proceso case de iniciación para eles. É moi curioso, porque queríalles facer un retrato, pero ao coller a cámara, eles estaban en garda, non eran nada naturais. Pero ao poñerlles un guión, esquecéronse da cámara, e foron eles xenuinamente. Poñerlle un pequeno guión de ficción fixo que o retrato fose moito máis xenuino.

-Unha pequena ficción fixo que fose máis documental?

-Foi un retrato moito máis fidedigno coa ficción que cun documental ao uso.

-Que lle pide a un proxecto?

-Pretendo que me remova moito, que sexa moi persoal e que supoña un reto: se non non me interesa nada. Ten que ser subir peldaños, facer as cousas máis dificiles. Non sei se por cometer moitos erros na miña vida, gústame facer cousas nas que podo cometer moitos fallos. Faime estar en garda.

-Polo momento dedícase a cine de autor; podería pasar a obras máis comerciais?

-Estou totalmente aberto. Interésame o cine como arte, pero estaría encantadísimo de traballar noutras ramas. Non teño medo de enfangar os zapatos.

-Ten novos proxectos?

-Estou rematando unha curta, Eco, da que se verán algunhas imaxes no (S8). Naceu para gravar a mudanza dun amigo do seu piso de Os Mallos de toda a vida, durante a que abrimos unha caixa cunha historia desas que poucas veces te caen na man. Tamén estou traballando en dúas longas, unha delas, Trote, que mestura ficción e documental nunha rapa das bestas.