Sublimar eventos traumáticos e convertelos nunha historia ou nunha imaxe foi desde sempre unha das funcións da arte: superar a dor e o medo e transformalos nunha obra que pode ser útil para axudar tanto ao seu creador como a outros. Precisamente Dor é o nome da primeira curta escrita e dirixida polo autor mugardés Lino Braxe, unha obra que se proxecta mañá ás 18.00 horas no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) e na que, a partires da experiencia real dun atraco vivido durante unha viaxe a Sudamérica, desenvolve unha narrativa que dá unha visión tanto "do mundo dos que sofren o atraco como daquel no que se moven os atracadores", segundo narra o propio firmante da curta.

O xermolo desa vivencia segue presente nesta primeira incursión de Braxe no audiovisual. Así, os diálogos que ocorren durante o propio atraco están extraídos das lembranzas do guionista, pero para o trasfondo, as esceas previas, a indagación nas dinámicas e procesos soterrados que chegan a desencadear o delito, "era necesario apostar pola ficción e non por un documental". Tamén se mantivo a ambientación orixinal. Aínda que a violencia é universal, Braxe quixo "contar en cine historias que suceden noutras latitudes que non son as nosas, pero que nos afectan como cidadanía do mundo", pese ao "dificil" que pode resultar facelo desde Galicia.

Os dous actores que encarnan aos atracadores, Pedro Picos e Xosé Bonome, da compañía Bucanero, foron esenciais á hora de animar a Braxe a realizar unha curta e están presentes desde o principio do proceso de creación. Ademáis, aceptaron "cambiar de rexistro" e interpretar a "dous seres violentos e sen escrúpulos" para os propósitos dramáticos da curtametraxe, aínda que quedaran "arrepiados" ao escoitar a historia orixinal. Nesta parte do proceso de creación da obra uniuse tamén ao proxecto o que pasaría a ser o realizador da curtametraxe, Raul García, tras "engancharse coa historia e co guión" que lle presentou o autor mugardés, especializado, ata agora, na escrita de obras de teatro, poesía e narrativa, na dirección de pezas teatrais e na actuación en diversos formatos.

Como non pode haber atracadores sen atracados, era necesario crear outro bando, o dos asaltados, os das vítimas da violencia. Os intérpretes que se poñen do bando agredido son a actriz Manuela Varela, da que Braxe recalca que é "unha intérprete versátil e sempre implicada ata a médula nos proxectos nos que se embarca" e o neno actor Roi Picos, do que Braxe resalta que, pese a que "traballar con nenos sempre é dificil", conseguiu que neste caso os traballos de gravación acontecesen de xeito "sinxelo e enriquecedor".

A presenza da figura dun cativo na narración é deliberada e esencial para entender o espíritu da obra, posto que o propósito da curta é tratar de denunciar que "cada cinco minutos morre no mundo un neno asasinado, coa crueldade que isto supón e significa". Unha cifra elaborada sen contar "os nenos escravos, os nenos que morren de fame, os nenos que morren en conflitos armados", con cuxo concurso "a estatística sería aínda máis aterradora". As actrices Uxía Vázquez, Sofía Fernández Brage e Sara Pena completan o reparto.