Sendo mozo, o pintor Eugenio Granell recibiu a noticia de que o seu irmán pequeno Mario afogara en Riazor. Acudiu correndo, e na beira do mar atopouse ao seu irmán aínda respirando e ao seu carón á moza Carmiña Ozores que, cun boca a boca, lle acababa de salvar a vida. Mario Granell sobreviviría para converterse nun pintor por dereito propio, e o seu irmán maior recuperou a imaxe daquel bico vivificante no seu óleo Los amantes de la playa de Riazor, segundo conta o conservador xefe do Museo-Fundación Eugenio Granell, Eduardo López Valiña. A obra forma parte da exposición Eugenio Granell. O regreso dos amantes, que abre as súas portas hoxe ás 20.00 horas na Fundación Luis Seoane.

A mostra, segundo López Valiña, que é tamén o seu comisario, integra 55 pezas de Granell relacionadas coa Coruña e Luis Seoane e xira en torno á dicotomía "do amor e a morte". Así, o cadro El islote del castillo de San Antón lembra a estancia do autor na fortaleza agardando a súa sentenza de morte en 1934, tras "negarse a participar nun pelotón de fusilamento durante o seu servicio militar". Salvouno o xeneral coruñés Rogelio Caridad Pita, executado dous anos despois pola súa lealtade á II República.

A relación de Granell coa Coruña foi moi fonda. Nela ten orixe a súa familia materna, nela naceu, e nela realizou a súa primeira grande exposición en España á volta do exilio americano. No tocante a Luis Seoane, se ben non tiveron unha relación directa, sempre "estiveron pendentes un do outro, segundo demostran escritos, e Seoane merca un cadro de Granell para a colección que teñen no museo Carlos Maside", conta o comisario. Tamén tiñan un "nexo" a través do amigo común Isaac Díaz Pardo.

A colección inclúe gravados, collages, pinturas, debuxos, fotografías e mesmo algunas obras cinematográficas, pois Granell foi "pioneiro no cinema experimental" coas obras que realizou en Nova Iorque nos anos 60. A Fundación tamén inaugura hoxe a exposición Luis Seoane. Cada cabeza unha cor, na que recolle unha trintena de tapices, óleos, gravados e publicacións nas que se amosa o tratamento da pigmentación do autor, que chegou a afirmar que "a cor fai xurdir a forma na miña obra". Ambas pechan o 23 de agosto.

Posibles cambios nas festas

O concelleiro de Cultura, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, explicou onte na presentación das mostras que as festas do verán na cidade "non están pechadas" e que é posible "formular unha nova disposición de toda a parte lúdica, festiva e cultural", sen aclarar se se vai optar por acortar a temporada de festexos. Sande tamén apostou por unha cidadanía "activa" no lugar dun axente "consumidor pasivo" de cultura. Abogou por aproveitar os espazos culturais da cidade en vez de crear outros novos e destacou que "hai unhas infraestruturas que impiden calquera proxecto faraónico".