"Pretendo trasladar a todos os asistentes á miña mesa de traballo". Así explicaba Xose Antón Fraga, doutor en Bioloxía e exdirector dos Museos Científicos da Coruña, os seus obxectivos para a conferencia que impartiu onte no Muncyt baixo o título O reto de construír e divulgar biografías científicas, enmarcada no curso La literatura de la ciencia da Universidad Internacional Menéndez Pelayo.

Horas antes de participar como poñente no museo, este divulgador, que actualmente dirixe o Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega, definía a súa palestra como un "obradoiro exprés" sobre a realización de biografías científicas, labor na que leva traballando máis de 20 anos. O biólogo adiantaba que ía falar de "casos concretos" que el estudou, como o do médico Roberto Nóvoa Santos ou o do naturalista Víctor López Seoane, e dos retos á hora de transmitir e de "facer máis accesible" a ciencia.

Fraga sinalaba, antes do relatorio, que ía tentar "establecer a relación" entre a propia construción da biografía e a súa posterior divulgación, procesos "que se condicionan mutuamente". Fraga facía fincapé na importancia da "capacidade interpretativa" dos datos recollidos, pero tamén no "estilo narrativo", xa que, na súa opinión, "é preciso coidar a forma" na que un se expresa para "facer máis eficaz" a mensaxe segundo o destinatario.

"A ciencia ten un problema de fondo: o descoñecemento", afirmaba onte o exdirector dos museos da cidade. "É respectadísima, ten un prestixio enorme", pero é "moi descoñecida", engadía, que trazaba unha analoxía entre ela e a relixión.

Precisamente as biografías son, para Fraga, un bo punto de partida co que romper esta barreira aberta entre a investigación e a sociedade. Porén, este tipo de traballos atopan, segundo Fraga, dúas grandes dificultades: por un lado, a tradición escrita dos científicos, que fai que "calquera recurso retórico e literario estea visto con certa prevención", e por outro, o feito de que "o ámbito biográfico" non teña "boa prensa en España". "Só se lle fai a alguén unha referencia biográfica cando morre, cando recibe un premio; en ton apoloxético", apuntaba onte Fraga, e "iso é contraditorio, porque a ciencia ten que ter un compoñente crítico".