Abe Rábade (Santiago de Compostela, 1977) é un dos músicos de jazz máis activos do panorama estatal. O pianista, formado en Berklee (Boston) a finais dos 90, ofrecerá o próximo xoves no Garufa Club un concerto conxunto con Rale Micic, destacado guitarrista de jazz serbio que fora, daquela, o seu compañeiro de estudos.

-Que podemos esperar deste concerto?

-O concerto vai ter moito de auténtico reencontro, porque Rale e eu fomos compañeiros de estudos en Berklee. Temos influencias moi parecidas e incluso tocamos nos últimos anos coa mesma xente, pero hai moitísimo que non o facemos xuntos. Entón hai esa enerxía distinta, moi especial.

-Os dous chegaron a Berklee no ano 1995.

-É moi curioso; o primeiro recital que fixen na escola, sendo un rapaciño, foi con Rale. Tiña 17 anos. Será como retomar aqueles tempos nos que tocabamos tanto xuntos. Nos últimos anos el ten colaborado con xente tan destacada como Tom Harrell, o que é unha garantía de sensibilidade musical. No fondo vai ser unha posta en común moi íntima, estes concertos a dúo dan pé a iso. Tocaremos temas orixinais del, temas meus, algún standard e algunha peciña só con guitarra e só con piano.

-Haberá un achegamento ás músicas tradicionais de cada país, como acontece nas traxectorias de ambos os dous?

-A serbia é unha cultura musical tan forte que te marca como músico, aínda que leves en Nova Iorque vinte anos, como Rale. El toma a estética bebop, pero lévaa ás súas raíces, á música serbia. E no meu caso, exactamente igual. Ademais, sempre que me atopei coa música tradicional galega foi de forma moi natural, nunca desde a planificación fría nin de coller certas influencias porque fosen garantía de nada. Nordestin@s, por exemplo, foi un proxecto que me marcou, que marcou a miña forma de entender a música instrumental. Cando volves ao trío de jazz desde esas experiencias, ou ao piano só, volves reforzado.

-É o jazz, entón, unha ponte entre culturas?

-Si, efectivamente. O jazz é a argamasa da construción musical que ti queiras facer. Máis que un estilo, eu considéroo unha filosofía musical, unha maneira de concibir a música. Para entender ben o jazz hai que entender a orixe, a confluencia entre a tradición rítmica e vocal africana coa tradición europea máis formal, máis orquestral e harmónica. Iso é o jazz. É unha bomba de reloxería, porque son dúas concepcións da música antagónicas, como se metes a Apolo con Dionisos nun caldeiro a ver que sae. No meu trío conto con Bruno Pedroso e con Pablo Martín, que están polo labor de jazzificar calquera cousa, veña de onde veña: da música popular galega, dun groove africano, do barroco alemán e italiano... É moi divertido facelo.

-Para alguén comprometido coma vostede, pode o jazz ser unha forma de mudar o mundo?

-Afortunadamente o jazz, ao ter elementos populares moi fortes, acaba por facer un favor ás músicas mal chamadas cultas, dotándoas de vida e dinamismo. O jazz emborracha a música culta. O diálogo que mantén coa sociedade tamén é positivo, a pesar de ser un xénero minoritario. Desde o punto de vista dos músicos, o jazz sempre foi un pulo para a expresión de rabias persoais, pero tamén para a expresión de rabias colectivas. Foino nos EEUU nos 60, nun ambiente marcado pola discriminación racial e de clase. E eu creo que nestes momentos, en todas as profesións, incluídas as artísticas, hai unha liña, e un decide de que lado desa liña está.

-Con menos de 40 anos, a súa traxectoria é enorme. Que obxectivos se marca para o futuro?

-Nos últimos tempos fixen cousas moi novidosas para min, como presentar a obra Tránsitos en catro movementos para trío de jazz e orquestra sinfónica, un proxecto que tivo unha acollida espectacular e que editaremos en outono. Logo poñereime co novo disco do trío, que se editará en primavera e será un álbum de orixinais. Teño moitas ganas de coller todo este pouso dos últimos anos e ver a súa pegada na música. Tamén estou a escribir unha obra para coro e orquestra, da que levo tres dos catro movementos. Son cousas distintas, moi formativas todas elas, que esixen ir a lume lento, gozando de cada paso. A música é unha fonte de aprendizaxe constante, é algo no que un nunca se licencia. Se un é sincero co que quere facer, cos desexos e intuicións do que pode chegar a ser, a música nunca acaba. Hai mil cousas para facer, eu estou a coller as que podo.

-Como están as cousas en Galicia? É fácil ser músico de jazz?

-Hai momentos fáciles e momentos difíciles. Dun tempo a esta parte, o xénero goza de boa reputación, ten público, e nunca houbo tanta xente tan nova tocando tan ben. Pero nos músicos de jazz é inherente o movemento, e en situacións como a actual non hai tantas xiras, a cultura non se está dinamizando por parte de institucións públicas e privadas. Se nos quitas o nomadismo, a viaxe, a confluencia... O jazz xermina nese ambiente. Aí, nesa voráxine, nesa loucura, nesa actividade frenética, o músico é feliz. Cando tes demasiado tempo para o sedentarismo é cando morre o espírito que debe ter esta música.