O contrabaixista Xacobe Martínez integra a formación de jazz Sumrrá xunto co pianista Manuel Gutiérrez e o batería L.A.R. Legido. Mañá dan un concerto ás 22.00 horas no Jazz Filloa (rúa Cega, s/n).

-Levan quince anos, bastante tempo para un grupo de jazz. Como manteñen a frescura?

-Tense dito na prensa nacional que somos o trío de jazz máis lonxevo. Dá mostra non de que levemos moito tempo, senón de que manter a mesma formación en jazz non é moi habitual. Cando nos xuntamos a idea non era facer unha historia de longo recorrido, senón manter a química que percibíamos cando nos xuntabamos nas jam [sesións de improvisación]. A frescura mantense con esta fórmula de manter un interese xenuino moi intenso pola música. O público percibe esa honestidade.

-A complicidade é absoluta ou hai desencontros no musical?

-Houbo desde o primeiro momento un respecto case sagrado por cada un de nós. Unha das máximas é a aceptación do discurso dos tres, mesturado cunha intuición musical que aplicamos en cada proxecto. Responde máis ao azar musical que a unha xenialidade nosa, que para nada somos tan xeniais.

-Do seu grupo, a crítica destaca sempre a orixinalidade

-Se fas que tres individualidades únicas se desenvolvan de xeito natural e sen constricións, sae un trío único. Non somos orixinais porque sexamos mellores, máis listos ou foramos os primeiros en facer algo. É certo que nos decantamos por traballar unicamente con material orixinal. Habitamos espazos musicais durante moito tempo, que probablemente outra xente non tivo tanto tempo de habitar.

-Levan seis anos sen sacar disco. Cal é o motivo?

-Despois do cuarto, publicado en 2009, empezamos a facer concertos retrospectivos, de repaso da discografía. Ese tirar a vista atrás e revisitar músicas orixinais que non volveramos a tocar fíxonos tomar conciencia do camiño que levabamos andado e tomar un respiro. Tras catro anos decidimos que Sumrrá necesitaba un novo chute de repertorio musical, que é co que estamos funcionando neste ano.

-Como chamarán ao álbum?

-Sumrrá 5, co apelido Journey, que fai referencia a cidades nas que estivemos tocando nas cinco xiras que fixemos fóra de España. Xa está gravado e sairá despois do verán.

-Estiveron en Sudáfrica, Bulgaria, irán a Marrocos? Hai unha linguaxe universal no jazz?

-Si? Eu creo que Sumrrá é sen ningunha dúbida un trío de jazz, seguimos a tradición dos grandes tríos de jazz de piano, contrabaixo e batería, e seguiremos sempre dicindo que o jazz é o que temos en común. Pero pensamos en clave de música, en jazz, blues, free jazz, música non idomática? Todo iso son palabras, e Sumrrá traballa con música. E ultimamente, falamos máis en termos de enerxía, plasticidade, que de notas ou de acordes. Todas as terminoloxías, chegado a un punto, se esgotan. Igual que a terminoloxía estilística está máis que esgotada, canto antes se supere puramente idiomática, no sentido escolástico, antes se empezará a falar de cousas máis interesantes.

-Que termos usan cando teñen que falar de música, entón?

-Tampouco falamos moito da música que facemos. Non falamos de estruturas musicais, de tempos nin de estilos; falamos de sensacións, e de enerxía musical, que é algo tanxible. Haina ou non a hai, e o público percíbeo.

-Cal é o compromiso que asume Sumrrá co seu público?

-Ser fieis á primeira motivación que tivemos para tocar xuntos. Summrá só vende peixe fresco, non entende de conservas nin conxelados, é auténtico e non sucedáneo, e o que sempre fixo foi crear música en tempo real, con maiúsculas, ese é o compromiso que asumimos. No escenario deixamos de ser persoas e convertémonos en son, en enerxía sonora e musical. Isto non é unha metáfora, senón que é absolutamente real. Pasamos máis tempo xuntos tocando que falando, viaxando ou facendo calquera outra cousa.