"Quero que o pregón sexa unha grande celebración de alegría e de encontro", declarou o músico e escritor Xurxo Souto, que ás 21.15 horas dará comezo, coa súa intervención, ás Festas de María Pita de 2015. Souto anima a todos os asistentes a acudir á praza do Concello cunha corna ou buguina "para facer, xuntos, un grande ritual para a historia" que, polo de agora, mantén en segredo.

O polifacético creador coruñés, grande coñecedor da historia da cidade, afirmou que centrará o pregón en "dous grandes argumentos, o mar e a música". Souto falará da Coruña como "cidade-barco", unha tradición presente na obra de diversos autores, entre os que o pregoeiro citou a Wenceslao Fernández Flórez, Monterroso Devesa, Luisa Villalta ou Manuel Rivas. "Como tripulantes desa cidade-barco, os coruñeses temos un temperamento artista e creativo", sinalou Souto, que destaca, na construción da identidade colectiva da Coruña, o feito de vivir "cun pé a cada lado do Atlántico, con estímulos de Cuba, Venezuela, Nova York e Irlanda".

O líder dos Diplomáticos de Monte Alto quere "reivindicar A Coruña como cerna e primeiro referente da música galega", en concreto, a partir do arquivo do coro Cántigas da Terra. Os mestres do coro, explica Souto, "aprendían as pezas no Campo da Leña, das mulleres que ían alí vender", e logo incorporábanas ao cancioneiro da agrupación.

Pero hai moito máis. No pregón terán o seu espazo esa e outras historias, como a da "bohemia coruñesa, que creou unha escola da canción baseada na beleza e na elegancia", con representantes como "o bolerista e mestre dos Satélites Sito Sedes ou o grandísimo Pucho Boedo". "É A Coruña popular que se expresa e que converte todo en música", apunta Souto, un barco no que tamén viaxan "os grandes mestres do Entroido, como Canzobre", figuras ilustres da cidade que o pregoeiro tampouco quere esquecer.

O músico non deixará de lado, na súa intervención desde o palco do Concello, "esa Coruña presente na grande historia" e "os acontecementos históricos vencellados coa cidade". Pero, "sobre todo", Souto falará "da Coruña que vive nas pequenas historias de todos nós", nas vidas desas familias "chegadas de moitos lugares para encher de vida os barrios da cidade".

"Non somos un entorno provinciano", manifestou onte o polifacético artista; "somos centro da vida e da creatividade e temos que asumir con orgullo esa condición".

"A Coruña é a música", remarca Souto como "idea central" dun pregón co que relevará á cantante Luz Casal, encargada do acto en 2014.