A novela biográfica Fontán é unha obsesión sobre unha obsesión. É a obsesión de Domingo Fontán, catedrático de Matemáticas nacido nunha aldea preto de Caldas de Reis, que elaborou no primeiro terzo do XIX o primeiro mapa científico de Galicia, montado en burra e sen case medios. É tamén a obsesión do avogado e escritor arousán Marcos S. Calveiro , que leva desde a adolescencia intrigado coa figura deste pioneiro científico galego, unha curiosidade que acabou por dar nun libro distinguido agora co Premio de Narrativa Breve Repsol 2015.

"É unha figura que me obsesionou dende a adolescencia, esquecida na historia de Galicia", comenta o creador da obra premiada, que recorda como nas últimas tres décadas foi atesourando toda canta información sobre Fontán chegou ás súas mans, ao que se sumou a documentación que preserva a fundación que leva o nome do catedrático, autor da Carta Xeométirca de Galicia (1817-1834).

Como chega un neno dunha aldea de nome Porta de Conde a esa "pulsión" que o leva a percorrer Galicia para medila? Foi unha das preguntas ás que quixo atopar resposta Marcos S. Calveiro, que destaca que boa parte do texto está vencellado, de maneira ficcionada, á infancia do científico. "Atopei esa pulsión na súa casa, que aínda existe", comenta, "aí, onde xogaba cos outros nenos, había unha grande bola de granito, unha bola do mundo, á que non daba subido".

A novela non só fala de Fontán, senón de todo ese grupo de científicos e intelectuais galegos daquel tempo, que se relacionaban de xeito habitual con primeiros nomes da ciencia de todo o mundo e colaboraban en proxectos internacionais, como o profesor e inspirador de Fontán, José Rodríguez. "E Galicia estaba no mundo", di Calveiro, que relaciona o olvido destas figuras na historia de Galicia co olvido que tamén padecen os científicos actuais da comunidade condenados á emigración e á falta de recoñecemento.

Historia científica galega

O xurado do Premio de Narrativa Breve 2015, que concede Repsol, destacou na lectura do fallo que Fontán é unha obra que relata "con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega apenas coñecidos". A voceira do xurado, Olivia Rodríguez, salienta que a obra contribúe a divulgar a través da literatura o traballo de científicos e intelectuais liberais que no século XIX crearon unha idea de Galicia que influíu nas posteriores xeracións. "Ten a novela o valor de crecrear unha figura da última ilustración liberal galega, moi apreciada por autores como Ramón Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro, e tan citada como mal coñecida polo grande público", afirmou o tribunal do certame.

O acto do fallo tivo lugar onte na refinería de Repsol na Coruña e estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o director da área social da Fundación Repsol, Javier Inclán e a voceira, Olivia Rodríguez. Os outros membros do xurado foron Dolores Vilavedra, Mercedes Queixas, Carlos Lema (editorial Galaxia) e Santiago Lopo. O premio está dotado con 12.000 euros e a publicación do traballo.

Marcos Sánchez Calveiro, coñecido como Marcos S. Calveiro, naceu en Vilagarcía de Arousa no ano 1968 e actualmente reside en Vigo, onde exerce como avogado. Comezou a súa carreira literaria creando obras dedicadas á literatura infantil e xuvenil, escribindo principalmente en galego. Neste campo recibiu numerosos premios como o Ala Delta, o Barco de Vapor ou o Lazarillo. Tamén publicou obras no campo da poesía e o ensaio e en 2008 publicou a súa primeira novela dirixida ao público adulto, Festina Lente, recoñecida co Premio da Crítica de Narrativa Galega.