O fotógrafo Xacobe Meléndrez Fassbender, criado na Coruña, dadicou boa parte da súa obra a explorar a relación de Galicia co mar e a súa preservación. Mañá recupera estas temáticas coa inauguración da súa exposición Berros n(o gume d)a fronteira, que abre ás 20.00 horas en Atlántica Centro de Arte. A mostra poderase ver ata o próximo 20 de novembro.

-A exposición fala do limiar entre a terra e o mar.

-Na mostra presento dúas series. Unha, Berros no roncar das ondas, é un proxecto que parte dos versos de Bernardino Graña que falan da relación da sociedade coa natureza no punto de contacto que é a costa. E recupero unha serie que non é nova, Fronteira, porque me parece de suma actualidade co tema dos refuxiados.

-En que sentido?

-Componse de dípticos, onde se confronta o individuo contre a sociedade, sociedade contra a natureza, natural contra artificial? Sempre utilizando metáforas para falar do noso entorno. Non son un reporteiro gráfico: gústame máis insinuar e plantexar a reflexión que dala xa mastigada. A foto que me fixo recuperar a serie para esta exposición foi a do rapaz afogado na costa de Turquía. Lembroume a un dos dípticos de Fronteira, na que aparece un ferreiriño morto e ao seu carón outro paxaro subido na malla metálica dun muro. Na segunda foto hai, nun primeiro plano e desenfocado, un gato negro que podería ser a ameaza, o vixiante desa fronteira artificial.

-Ten unha serie fotográfica sobre o desguace dun barco. Quixo expresar como decae a relación de Galicia co mar?

-Nesa reportaxe fálase do desguace do mundo mariñeiro, que é toda unha subcultura que define a cultura galega. E o avance dos desguaces parece que é a aposta máis importante que se está facendo desde as administracións pola reconversión do sector, seguindo as directrices europeas.

-Como se achegou ao mar?

-De moi neno. Veraneaba na ría de Corme e tiña unha barquiña coa que saía co meu pai a pescar. Incluso antes xa mergullaba, algo que recuperei para Berros no roncas nas ondas. Miro os feitos que Bernardino Graña pon nos seus versos desde o punto de vista do mar. Eu son o mar, ou eu lle presto a cámara ao mar para que fotografe a liña de costa desde o seu punto de vista.

-Por que quixo inverter o punto de vista?

-Paréceme que é complementario. Sempre é fundamental poñerse na pel dos demais para comprender a multiplicidade de visións, dá unha visión máis realista de cal é a situación.

-Tendo esa conexión co océano, como viviu o do Prestige

-Eu militei durante moito tempo en movementos ecoloxistas, nomeadamente na Federación Ecoloxista Galega. O do Prestige foi moi triste, e xa viviramos outras situacións? O Mar Egeo fóra o que puxera o primeiro nome ós movementos que viñeron despois de Nunca Máis. O primeiro que vivín realmente e do que fun consciente foi do que se afundira na Coruña cando tiña creo que 11 anos o Urquiola], e que fora expulsando cara á xente de Corme, onde eu veraneaba. O Prestige vivino con pena. Fixen un seguimento do impacto nas aves mariñas, e tiven un encargo que se presentou por Europa sobre o impacto da mesma recollida do chapapote nos Lugares de Interese Comunitario, coa entrada de todoterrenos e máquinas, a apertura de camiños?

-Ten outra serie na que fala dos desperdicios nas praias.

-Esa serie forma parte dun proxecto que comisarei con outros fotógrafos, Novas conversas con Atlante. A miña serie chamábase Paseante-Crebas. Supoñíase que no momento do Prestige houbera un momento de inflexión na relación dos galegos co mar. Que os pescadores tomaran consciencia da súa dependencia absoluta e pasaran a ter unha responsabilidade maior dos seus actos, e a sociedade toda se volcara por diante dos políticos en resolver un problema co mar. A premisa era ver como iso se concretara, como evolucionara nos sete anos posteriores. Eu plantexei a era trípticos onde se vía o lixo na liña intermareal, logo ese lixo sobre un fondo negro, na mesma posición, que facía unha referencia á marea negra, e despois ese mesmo espazo de praia sen todo o artificial que había na primeira fotografía, en homenaxe á marea branca.