Xabier Díaz presenta este venres ás 20.30 horas no Rosalía de Castro o seu novo disco, The Tambourine Man, gravado cos músicos Gutier Álvarez e Javier Álvarez e as Adufeiras de salitre, un grupo de once cantoras e percusionistas. Nel recupera temas tradicionais galegos.

-Neste disco hai un predominio da percusión.

-Ten unha presenza primordial. Non soamente porque haxa moita senón polo tratamento na produción. Pensei na percusión e na voz para construír a estrutura do edificio, e foi a posteriori cando empecei a pensar como vestilo de xeito que non desvirtuara ese concepto. Aí apareceron o acordeón diatónico, a zanfona e o violín.

-Que instrumentos de percusión emprega?

-Instrumentos da música popular. Pandeiretas de diversos tamaños e tímbricas, pandeiras, pandeiros e adufes, pandeiros cadrados. Logo hai instrumentos de percusión miúda, como cunchas, botellas, ferriños... Empreguei moitas percusións distintas, se cadra gravei dez ou doce adufes diferentes, que se van mesturando.

-Mestura instrumentos que non coincidiron historicamente?

-Hai instrumentos, como o pandeiro cadrado, que esmoreceron na nosa tradición moi cedo, en parte desprazados polas pandeiretas, que foron un instrumento un pouco invasivo, sobre todo no século pasado. Na nosa música tradicional tamén hai convivencia temporal, pero os adufes son un pouquiño anteriores á pandeireta. Eu teño un especial interese en que haxa un rexurdimento do adufe, que estaba nunha situación un pouco de esmorecemento. O instrumento chegou ata nós moi a pingueiras, cunha tradición viva moi localizada nalgunhas das provincias de Ourense e Pontevedra. Parecíame que era moi importante facer unha aposta pola súa recuperación.

-As obras son orixinais?

-Todas son recreacións de temas de música tradicional que atopei nos meus traballos de campo, que empecei nos 90, que xa traballaba con certa frecuencia e fun forneando. Tiven unha preocupación especial en darlles un tratamento e unha produción o máis exquisita posible. A procedencia é popular e tradicional, pero eu filtreino pola miña visión de home do século XXI.

-Que aporta a ollada actual?

-Moitas cousas. O xeito de gravar, mesturar os elementos, de que todo teña unha frescura que nos resulte dixerible, poderoso. Quería que tivera harmonías máis modernas, plantexamentos musicais más contemporáneos, pero fun moi teimudo en conservar as cousas esencias da música tradicional, que forman parte do seu ADN máis puro e preservan a nosa personalidade. Son as que aportan a forza e contundencia do que é collido directamente da terra. Procurei conservalo tanto como puiden.

-Para seguir viva, a música tradicional ten que evolucionar?

-Tiven a sensación de que estaba facendo un traballo moderno, que é un disco que explora un camiño un pelín diferente dentro da música popular, e de que é un disco que pode escoitar calquera tribo, que o poden escoitar os modernos, os indies, os rockeros. Gustaríame que non fora só un disco para a xente da música tradicional, senón que espertara a curiosidade doutros mundos para que se asomaran a este.

-Noutros discos usou ritmos afastados da música popular. Neste chega ao contemporáneo desde o tradicional?

-Entendiches ben. Noutros discos, para chegar a esa contemporaneidade, empregamos outro tipo de elementos, e neste, curiosamente, reforzamos eses fundamentos do esencial, da raíz máis pura, para que sexa ese o elemento que o fai realmente moderno. Nunha cultura totalmente globalizada como na que vivimos meter as mans na terra para coller as cousas máis esenciais a veces é o máis innovador. É que o que o faga moderno sexa intentar respectar patróns e pautas do que conforma o noso ADN máis puro.

-Como entraron no proxecto as Adufeiras de salitre?

-Pasaron de ser alumnas miñas a formar parte da banda. Nun principio ían ter unha participación moi puntual, ían facer un par de temas ou así? Pero funme decatando de que o seu concurso dáballe unha dimensión moi interesante ao disco. Pouco a pouco foron collendo cada vez máis espazo e teñen un protagonismo moi importante

-Son todas mulleres.

-As garantes e transmisoras do noso acervo popular foron historicamente as mulleres. Que foran as señoras maiores das aldeas as que gardaron o patrimonio na súa memoria, e eu entregalo a mozas que teñen todo o futuro por diante paréceme unha idea poética, preciosa. O testigo queda aí entregado.

-O formato de grupo semella ben grande para unha formación destes tempos de crise.

-(Ri) Os meus últimos traballos foron con formatos pequenos, e tiña ganas de facer algo coral, grande, cunha certa contundencia no directo? E creo que xa compre quitarnos de enriba ese mal fario da crise, de que hai que facer cousas pequenas.. Teño un plan bé, cun formato máis reducido para viaxar, pero gustaríame facer todos os concertos que poida coa banda.