Bieto Romero foi un dos fundadores de Luar na Lubre e está no grupo desde o primeiro disco, publicado en 1986. Agora veñen de sacar o seu decimosexto álbum, Extra Mundi, no que introducen cancións de rexións de España como Cataluña, Castela ou o País Vasco.

-Polo seu título, é un disco para ir a outros mundos?

-Máis que para iso, é para homenaxear a todos estes lugares aos que imos moito e onde se nos quere. Quixemos saír do noso ámbito de traballo habitual e homenaxear a todas estas culturas, próximas e irmáns pero distintas. O noso Intra Mundi sería Galicia e o Atlántico, pero o 80 ou 90% dos nosos concertos facémolos fóra.

-Versionan Txoria Txori

-Efectivamente. Temos un son propio, e se imitásemos perderiamos a nosa identidade. Txoria Txori non é un tema tradicional, pero en Euskadi, unha segunda casa para nós, levanta paixóns e é tan popular que case é tradicional. Quixemos interpretalo co máximo respecto posible, pero desde a nosa óptica.

-Outro tema, o catalán El Rossinyol

-É un reto. E gústannos o reto de versionear, co máximo respecto, cancións que teñen un significado especial, como fixemos con El Derecho a Vivir en Paz de Víctor Jara no seu momento. El Rossinyol é un tema tradicional catalán do século XVIII, entroncado coa lírica catalano-provenzal. Soa a Cataluña e cantouse en catalán, pero hai un toque de atlantismo. Foi concibido, arranxado e gravado ás beiras do Atlántico, non falta o salitre.

-Cantos idiomas hai no disco?

-Cinco, contando o noso. A idea era facer máis, pero foi un disco feito en mes e medio desde que plasmamos a idea ata a súa saída.

-Pero xa terían algúns dos arranxos feitos de antes.

-Nada, nada. Partimos de cero, foi un reto. Partimos de condicións de traballo moi boas, pero nunca o fixeramos neste tempo e quedamos moi satisfeitos co resultado.

-No álbum colaboran coa coral ourensana Ruada. Non se sae do común a mestura entre a música folk e a vocal?

-Tense feito algo en directo, pero creo que esta é a primeira vez que se fai unha gravación semellante. Ruada vén de cumprir 90 anos, e temos unha simpatía especial con ela. Pedíronnos colaborar cun traballo discográfico seu, e gustounos tanto que decidimos incluír este tema no disco e outros tres máis.

-Hai que coñecer ben as tradicións para mesturalas ben?

-Si, si. Temos que partir de que non facemos música tradicional nin traballamos en coordenadas de pureza. Facemos folk e adaptamos melodías e temas ao noso xeito de facer. Que ten guitarras, un aporte interesantísimo na harmonía, que ten violín, que para nada é un instrumento tradicional, que ten percusións africanas. Hai que ter coidado, pero non limitar nunca. Hai que facer fusión, non confusión, e se queres fusionar dúas músicas tes que coñecelas. Nós non falamos de manter a tradición: diso xa hai xente que se encarga e o fai ben.

-Noutros países europeos estase facendo moito folk metal. E un xeito de manter viva as músicas tradicionais?

-Si, como tamén o folk que facemos nós. É chamar a atención e manter a curiosidade da xente sobre as raíces. Bandas como Celtas Cortos ou Mago de Oz parécenme interesantísimas, á marxe de que me gusten ou non, como xeito de entrada á tradición.Se lles pos a alguén que non coñeza a tradición unha gaita acompañada dun tambor, con dureza, probablemente non volva escoitar unha gaita na súa vida. Porque lle estás rompendo a cabeza, porque estamos nuns parámetros musicais nos que isto non encaixa. Pero se llo metes a través dunha banda de folk ou dun grupo de jazz, é probable que lle entre e que fomente a súa curiosidade.

-Teñen pensado volver a achegarse á música medieval?

-Si, si. É unha fonte de riqueza importantísima e un grande recurso para os galegos. Tocámola sempre desde a nosa óptica, non facemos a música como a facía Martín Códax nin como a entendía o rei Alfonso X, pero nutrímonos da fonte.

-Fan música atlántica, relacionada con Irlanda, Bretaña... E Portugal. Foi máis doado tender pontes cara as dúas primeiras rexións que cara a Portugal?

-Si, ese sempre é o problema das veciñanzas. Pero o noso contexto non foron os países celtas, nin moitísimo menos. A nosa vía de saída foi sempre España. O País Vasco, Andalucía, o Levante? Tocamos en Portugal, pero a música non acaba de entrar aló. Isto depende dos contactos, do tipo de público e do gusto que haxa no sitio. Tocamos con moitísima máis frecuencia fóra de Galicia. Aquí se nos quere, pero cando houbo que facer en Galicia unha estrutura para que todo isto se mantivese e non se fixo. As axudas desapareceron, e os xigantes que se crearon tiñan os pés de barro e van caendo. A música galega está pasando o seu mellor momento en canto a artistas pero o peor en canto a saúde. Non hai onde tocar e non hai unha estrutura detrás.

-Case todos os músicos galegos levan anos dicindo iso. Non cambia nada para mellor?

-Non cambia nada, porque o problema da música en Galicia é fundamentalmente a desunión, e non entender que sen unha plataforma conxunta é complicado facer unha estrutura. Nunca houbo tan boas propostas e artistas como agora, pero non hai un arroupe que faga que todo isto teña solidez, como pode habelo no cine ou noutras áreas onde si están organizados.

-Gravaron este ano un disco coa Sinfónica, Torre de Breoghan

-Foi unha aventura especial, perfectamente meditada e na que nos parecía interesantísimo entrar. Fantástica. A produción foi impresionante, moi poucas veces se fixo en Europa algo así. Pero estamos en Galicia. E aínda que fagas unha cousa coma esta non pasa nada, ao día seguinte acabouse. Pero un disco como este, en directo, coa Sinfónica, pasará á historia da música galega. Foi un disco pretencioso, pero ben traballado e cun fondo moi interesante. Foi unha auténtica gozada estar unha semana convivindo coa Sinfónica e sentir os directos desta maneira.

-Entran na cuarta década de vida do grupo. Que pensan de que algún os releve nun futuro?

-É imposible sabelo, pero creo que isto ten que ter continuidade e incluso tería que ser tratado doutro xeito desde o propio país. Considerámonos algo emigrantes, temos que saír fora para que se nos trate ben nos medios e nos dean certa cobertura. A tenacidade do grupo vai seguir sendo a mesma. Algúns anos máis continuaremos, e se hai posibilidade de relevar e que o grupo continúe con novas xeracións, encantadísimos.