O historietista ourensán David Rubín vén de publicar en español o cómic La ficción, con guión de Curt Pires, unha obra na que se mesturan a fantasía e a realidade e a aventura convive con influencias de maestros do terror como Lovecraft ou Stephen King.

-A obra saíu primeiro en inglés, en Estados Unidos.

-En catro entregas mensuais de cómic de grapa. Agora sae en España recopiado nun só volume, con Astibérri. Esta edición engade case 40 páxinas de extras, onde se pode ver o meu proceso de traballo.

-Por que quixo introducir este capítullo de bocetos?

-Sempre intento dar un punto didáctico, que a xente vexa todo o traballo que hai detrás dunha páxina de cómic.

-Que tal traballou con Pires?

-Tiven moita liberdade. Intento deixar claro a guionistas e editores que preciso un marxe de manobra. Penso que dese modo, ao non sentirme tan encorsetado, sae beneficiada a obra. Fun fiel o 100% ao argumento e aos diálogos, e é a historia de Pires, pero o xeito de contala e convertela en páxinas deixoumo a min. Ao traballar en equipo o importante non é que un dos membros se impoña sobre o outro, senón sumar as capacidades para sacar adiante un produto homoxéneo, coherente e con enerxía.

-Non está de acordo cando se fala de guións ao servizo do debuxo, veo como un conxunto?

-Enténdoo como un conxunto. Dou por feito que o guión ten que estar ao servizo do debuxo; se non está feito pensando en quen o vai debuxar, vai ser sempre un mal guión. Sempre. O guionista ten que ter moi presente con quen vai a traballar e o guión ten que intentar potenciar as súas habilidades. Por algo hai diferentes estilos. Sempre deixei iso moi claro aos guionistas cos que traballei, e o resultado final é a suma dos dous, nin máis meu nin máis do outro.

-Na súa obra aparecen moitos monstros. É unha preferencia ou foi saíndo así?

-Metade e metade. O tema dos monstros sempre me fascinou, desde cativo. Penso que é algo intrínseco á cultura máis esotérica galega, onde temos bastante variedade de monstros. Por outro lado, foi por casualidade que fixen Beowulf, un dos cómics meus con máis monstros, e nos de de Aurora West, onde tamén sae moito monstro, xa viña dado no guión. Desfrútoo bastante, encántame debuxar monstros.

-Onde busca a inspiración para os monstros?

-O que fago, cando teño que debuxar o personaxe que sexa, monstro ou humano, é intentar pensar na súa personalidade, en que quere transmitir. Como autor tes que ser un pouco actor e ver que queres transmitir cos personaxes. Por exemplo, en Beowulf quería fuxir de representacións que vin a Grendel nas que o humanizaban demasiado. Eu víao como unha especie de animal, alguén que pensa como un insecto. Sen sentimentos, carente de ética, de moral e que non razoa como un ser humano. En función diso ven despois o apartado físico e o traballo de deseño. O que fas cando deseñas o aspecto da personaxe é representar a personalidade de xeito físico, para que cando un lector vexa ao personaxe, dunha soa ollada saiba como é a súa personalidade, de que pé coxea, sen necesidade de diálogo nin de textos explicativos.

-En La ficción os protagonistas navegan entre a realidade e un mundo fantástico. ¿Bebe de Ende, de Lovecraft...?

-Hai moito Lovecraft, hai Ende, hai incluso Stephen King e Lewis Carrol. O que intentamos facer é remexer todos eses referentes mesturándoos para intentar sacar algo novo e con personalidade propia.

-En La ficción

-De Aurora West saíu o segundo hai pouquiño. A verdade é que vaime moi ben. Enténdome con eles; dá igual que vivan en Ontario ou en Los Ángeles que en Madrid. O tema é saber entenderse ben, deixar as cousas claras, que haxa un bo diálogo e deixar facer.

-Parece que traballan máis ilustradores españois con guionistas anglosaxóns que ao revés.

-É un feito. Imaxino que será porque é máis doado abrirte camiño como debuxante, amosando guións escritos. Sempre máis doado de ver para os editores. Tamén alá son moi seus cos diálogos, notan enseguida cando algo está escrito con alguén que non é nativo, non fala co seu slang, e quédalles raro? Pero este ano publiquei en Estados Unidos, con Dark Horse, os dous volumes de El Héroe, e estanse acollendo moi ben, e é unha tradución do que escribín en castelán.

-Entrar no mercado estadounidense é algo que intentou conseguir ao longo dos anos?

-Xurdiu máis que outra cousa. Aínda que moitos dos meus referentes veñen dos superheroes americanos, a miña meta non é debuxar Spiderman, senon facer as obras que realmente te enchen, que sintes que son túas, e poder vivir diso. Iso xa o tiña, con menos diñeiro, antes de traballar en Estados Unidos. Agora recibo ofertas de alá pero prefiro aceptar ofertas que me aportan como autor eque outras que chaman máis a atención polo personaxe pero no que é como se estiveras xogando cos xoguetes de outro, non te deixan manga ancha, non podes aportar apenas nada.

-Ten máis liberdade debuxando á superheroina Aurora West, aínda que xa fora antes debuxada por outro, que un icono como Spiderman ou Catwoman?

-Moitísimo máis. Aurora West tiña 200 páxinas da novela gráfica de Battling Boy. Spiderman ten ás costas 60 anos de cómic. Aínda quedaba moitísimo por inventar, suxerir e aportar á personaxe a ao seu universo. E tiven a sorte de que o guionista deixoume manga ancha e temos un modo moi similar de entender o medio e o mundo en xeral. Sentinme traballando en Aurora West coma se foran os meus propios personaxes.