Os humoristas coruñeses Pedro Brandariz e Víctor Grande estrean hoxe ás 21.30 horas no Bâbâ Bar Inmedioteces, un espectáculo cómico baseado no impro, unha modalidade de improvisación teatral.

-Na impro fanse xogos teatrais a partir dunhas normas e aportacións do público.

-Víctor Grande (V.G.): Nós facemos oito xogos ou historias, de algo máis de cinco minutos cada unha. Improvisamos o guión a partir dunhas regras e de frases que escribe o público ao inicio da función.

-Pedro Brandariz (P. B.): Son como sketches, pero en tempo real. E tamén integramos as cousas que pasan no local. Soa un móbil, ou vai unha rapaza ao baño, e metemos isto no espectáculo. Ao público o que lle gusta é ver como integras eses estímulos nunha historia que ten unha coherencia. Os xogos que presentamos son inéditos, non os fai ningunha compañía de por aquí.

-Como son estes xogos?

-V. G: Temos un no que collemos a dúas persoas do público e lles preguntamos cousas das súas vidas, a que se dedican, cal é o seu soño. A partir diso contamos unha historia na que un lle axuda ao outro a conseguir o seu soño. Eu teño predilección por un xogo no que facemos o telexornal dun mundo de fantasía, con conexións en directo. A xente elixe cal é o mundo de fantasía, por exemplo O señor dos aneis ou o conto dos Tres Porquiños, e nos di cal é a frase a partir da que construímos a noticia.

-P. B.: A min gústame un xogo no que saio fóra da sala e o público lle di a Víctor un personaxe famoso, un lugar e un obxecto, así como un idioma estranxeiro, como o chinés. Logo el ten que contarme quen é o personaxe, o lugar e o obxecto coa mímica e facendo como que fala chinés. Moitas veces equivócome ao entendelo. Está intentando dicirme que o morto é Alejandro Sanz pero se cadra eu penso que é Rajoy.

-¿Manteñen sempre unha dimensión cómica nestes xogos?

-P. B. : Si, si. O principal obxectivo é a comedia. Xa os propios xogos o favorecen.

-Ter que improvisar unha historia e facelo de xeito cómico non ten un plus de dificultade?

-V. G.: É como saltar sen rede, pero o público máis agradecido na impro que noutras modalidades. E, se tes un público experto, vaite poñendo retos cada vez máis difíciles.

-Como entraron na impro?

-V. G.: Grazas a Oswaldo Digón, da compañía Los Duguis, que é o noso director. Fixemos varios cursos de formación coa compañía.

-P. B.: Ao principio viámolo como un adestramento para os nosos monólogos e obras. Logo colaboramos con Los Duguis, e agora decidimos facer un espectáculo propio. Aínda que sexa improvisación hai moitísimo traballo detrás.

-Como ensaian?

-V. G.: Non hai ensaio, hai adestramento. O que facemos non se pode ensaiar porque non o vas repetir, e depende do público. Pero facemos adestramentos para quecer a mente e o corpo.

-P. B.: Hai un conxunto de capacidades que tes que adestrar, como un deporte. A creatividade é un pilar moi importante, e tamén a escoita, interactuar co que está facendo o compañeiro. Ao levar tantísimos anos facendo monólogos, ímonos ao oral. Por iso adestramos a mímica. Estamos conseguindo ter un perfil máis completo.

-Teñen algún xogo relacionado coa Coruña?

-V.G.: Sempre hai alusións. Non é a primeira vez que falamos da Marea ou do Parrote, ou que un personaxe falando coruño. O outro día fixemos un xogo no que Melendi aparecía na praza de Pontevedra.

-Cada un de vostedes ten un determinado rol dentro do dúo?

-V. G.: Pedro tende aos secundarios cómicos. Eu sería o pallaso serio e el o que rompe os esquemas.

-P. B. Víctor garante a coherencia do sketch. Eu estou cómodo no máis cómico, pero a impro vai de saír da zona de confort e arriscar.

-V. G.: A min sempre se me deu mal interpretar a mulleres, e grazas á impro estou mellorando moito.