Aurora Marco, catedrática ata hai pouco de Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, centra os seus ensaios na historia das mulleres galegas. Hoxe presenta en Afundación ás 12.30 horas Elas, unha compilación de biografías femininas ilustrada por oito artistas galegas.

-Cantas biografías inclúe?

-Algo máis de 400. Case todas son mulleres nacidas en Galicia,pero tamén hai mulleres de ascendencia galega que pensaron sempre na terra dos seus pais, como a xornalista e escritora cubana Mercedes Vieito. E inclúo mulleres nacidas fóra pero ligadas a Galicia, como a estremeña Carmen Muñoz, muller de Rafael Dieste.

-Que período abarca Elas

-A primeira muller que aparece é Exeria, unha peregrina do século IV que viaxou á Terra Santa e relata a viaxe no seu libro Itinerarium. Chego ata 1975.

-Por que finaliza ese ano?

-Foi un punto de partida importante para a historia das mulleres. Pola morte de Franco, a proclamación do ano internacional das mulleres, e do decenio de Nacións Unidas das mulleres. E tamén pola emerxencia do movemento feminista, a transición política e a democracia.

-Que exemplos atopa de mulleres relevantes no pasado?

-Por exemplo, Sancha Pérez, unha comerciante de tecidos do Mondoñedo do século XIV. Ou a impresora e libreira da Compostela do século XVI Beatriz López. Outra mindoniense do século XVII, Manuela Escamilla, foi actriz, cantante e directora dunha compañía de teatro e percorreu Madrid, Zaragoza, Cádiz, Valencia...

-Había entón mulleres no ámbito da economía?

-Si, si. Xa no século XVIII temos a María Pinto, que representaba aos frades franciscanos de Noia nas súas compras, vendas e preitos. É salientábel porque as mulleres daquela non tiñan personalidade civil e para calquer acto precisaban da autorización do seu home. Recollín historias a partir de fontes escritas, pero tamén teño casos inéditos que investiguei a través de fontes orais, como o caso de dúas armadoras de Noia: Teonila e Carmen Pérez. A primeira quedou viúva en 1927 e sacou adiante o negocio familiar, e ata montou unha fábrica de madeiras. Carmen fíxose cargo da empresa familiar, Navales Barcia, en 1941 Foi unha das compañías máis potentes do sector da cabotaxe.

-E no ámbito do arte?

-Entre outras, inclúo unha pontevedresa con estudo en Vigo que foi unha pioneira na fotografía, Cándida Otero. Ou á filla de Rosalía de Castro, Alejandra Murguía, debuxante, pintora e afeccionada á música. Colaborou con Casto Sampedro na recollida de música tradicional oral. Se non fose pola dedicación á familia, tería desenvolvido a súa actividade de forma máis intensa.

-Ten un libro sobre as mulleres na loita antifranquista en Galicia. Está tamén presente no libro?

-Claro. Recollo historias de mulleres exiliadas e guerrilleiras antifranquistas, como as da familia Alvajar. E un libro que recolla o devir das mulleres non podería esquecer nunca ás mulleres represaliadas. As mulleres foron un factor fundamental no mantemento do maquis, unha axuda inestimábel como enlaces ou colaboradoras no monte.

-Como foi a evolución do papel social da muller?

-A muller sempre estivo discriminada. Na Idade Antiga e Media as mulleres estaban custodiadas. Mentres estaban casadas axudaban ao seu home, e cando quedaban viúvas, para seguir co negocio, tiñan que casar con outro do gremio ou deixar que os fillos se fixeran cargo. Coa Ilustración comezaron a escribir e a ter máis acceso á cultura, mais as mulleres do común tiñan menos posibilidades de facelo. Neste tempo había mulleres en todos os traballos, pero as súas historias ficaron no anonimato. Houbo que sacalas á luz.

-Como foi a colaboración coas artistas que ilustran a obra?

-Sen coñecer ás artistas, nin ter falado entre nós, conseguiron captar perfectamente o espírito que lle quixen dar a este libro: o de visibilizar ás mulleres, reivindicalas. A través dos pinceis reflectiron perfectamente o que eu fixen a través das palabras. É unha relación moi boa entre escrita e plástica.

-Vostede ten dito que é necesaria unha discriminación positiva para o galego. Cre que é necesaria para acadar a igualdade?

-Ten sido moi boa nalgúns casos, pero máis que iso reclamo unha igualdade real e efectiva. Non que a igualdade quede nos papeis, como pasa agora. Mentres non existan reitoras, presidentas do Goberno, directoras de xornais, mentres as mulleres cobren menos no traballo, engrosen as filas do paro máis que os homes? Non existirá a igualdade real. É esixir o que nos corresponde, porque somos a metade da humanidade.