A actriz Laura Villaverde integra a compañía ArtesaCía xunto co director Roi Fernández. Hoxe ás 20.30 horas estrean no teatro Rosalía de Castro a obra Zugunruhe, unha reflexión a medias entre o teatro e o audiovisual acerca do éxito e a necesidade de proxectar unha imaxe distinta á real que se representará tamén mañá á mesma hora.

-Nesta obra combinan vídeo con teatro. Como o fan?

-ArtesaCía caracterízase pola fusión de escénico coa tecnoloxía e ps audiovisuais. Dicimos que é unha compañía transcénica porque mestura as dúas disciplinas. En Zugunruhe hai unha nova proposta: introducimos proxeccións de vídeo que reaccionan aos movementos dos actores. Tamén hai un momento de inmersión cunhas gafas de realidade virtual en 360 graos. Subiremos a un espectador para que experimente esa evasión da realidade.

-Como deron este paso de crear un vídeo interactivo?

-Roi foi o que pensou e descorreu como facelo. Ata agora, eramos os actores os que reaccionabamos ao vídeo. Queremos que sexa o contrario: que o vídeo reaccione aos nosos movementos, para chegar ao espectador tanto escénica como cinematograficamente. Nesta obra tamén nos influíu a aparición de gafas virtuais que permiten visión en 360 graos. Empezamos a investigar sobre este tipo de vídeos hai sete ou oito meses e a pensar como podiamos introducir esa experiencia inmersiva escenicamente.

-Quen son os protagonistas da obra?

-Son tres. Dous son arxentinos: Paloma, unha diva da televisión que ten un programa con moito éxito, Aló Hispanoamérica; e Martín, un actor que está indeciso entre seguir os pasos do comercial, o diñeiro, o éxito, ou guiarse pola súa vocación, o cine experimental. Logo está o meu personaxe, a galega Jimena, que fai contido pornográfico para as gafas de realidade virtual en 360 graos. Os tres atópanse nun aeroporto no que hai unha tormenta, que non saben se é o Apocalipse. Iso fan que se coñezan e experimenten varias realidades, tanto o que está ocorrendo como o que pasa nos seus pensamentos.

-De onde sae o título da obra, Zugunruhe

-É un termo alemán que fala sobre o movemento instintivo co que os paxaros emigran. Empregamos o termo como se falaramos dunha nova enfermidade do século XXI. A de estar conectado as 24 horas ao día ás redes sociais, a de dar unha imaxe de éxito aínda que realmente non sexa así. Os tres personaxes están constantemente proxectando unha boa imaxe, pero realmente fáltalles algo.

-Falan da insatisfacción?

-Si, desa insatisfacción crónica de querer sempre máis. Empregamos zugunruhe para falar desa enfermidade da necesidade do todo.

-Cal é a aproximación que fai a obra ao fenómeno do éxito?

-Falamos do éxito nas redes sociais e a televisión a través da personaxe de Paloma, moi mediática televisivamente. E tamén de cómo o éxito fai renunciar aos teus ideais, iso discútese moito na obra.

-A súa personaxe adícase aá pornografía en 360 graos, algo que xa se fai para dispositivos de realidade virtual como o Oculus Rift. Como se documentou?

-A personaxe naceu dunha creativa de porno en 360 graos que foi unha das pioneiras nese campo, e á que coñecín persoalmente. A obra tamén fala cómo buscamos ás veces, no virtual, satisfacer o que non satisfacemos cotidianamente.

-A súa compañía colabora con xente de moitas disciplinas, desde o baile á ciencia. Como se ve reflexado nesta obra?

-O que máis lle apaixona á compañía é xuntar diferentes disciplinas. Hai tempo fixemos un encontro de creadores, no que preguntamos aos asistentes: Cal é o teu zugunruhe persoal? O músico respondeu desde a súa disciplina, os actores desde as súas, a científica tamén? Esa mestura fixo que a idea da obra comezara a xerar. Tardamos máis dun ano en darlle forma á peza.