Conta Xosé Lois Seixo, vocalista de Pirilampo, que este Teatro de guiñol, é un disco "moi traballado", no que participaron para poñerlle música aos poemas de Manuel María "todos" os membros da banda. É por iso polo que os ritmos utilizados son "tan diferentes". Para este novo traballo, a banda escolleu creacións que Manuel María escribiu pensando nos pequenos e que nunca antes foran cantadas.

"Hai tres poemas de Os soños nagaiola, cinco de As rúas do vento ceibe, e tres de Terra Cha", explica Seixo, que fai especial fincapé nun poema que fala do regato de Cepelo, que é un rego que pasaba preto da casa paterna de Manuel María e ao que lle adicou varias composicións, non só falando do correr da súa auga senón tamén dos montes que o arrodeaban. "Era un lugar moi entrañable para el", lembra Seixo. Neste percorrido, adaptado aos pequenos cara ao universo de Manuel María, Pirilampo fai tamén unha parada indispensable na Terra Cha. "El identificábase coa súa terra e escollín tres poemas que contan moi ben o que simbolizaba, que son: O vento, que fala dese vento que vén do mar e que se fai fino na Terra Cha, A neve e A natureza. Hai tamén unha lembranza para o poema A fala e outra para Breve historia da muiñeira que, segundo explica Xosé Lois Seixo, non é só unha poesía sobre a muiñeira, senón que "é unha muiñeira", que sona a muiñeira só con lelo en voz alta. Non é o único ritmo de muiñeira que aparece no disco, tamén O vento o é, aínda que con tintes "máis rockeiros".

Di Xosé Lois Seixo que son poemas para nenos, que son "accesibles" e que teñen códigos que eles entenden moi ben, cos que poden cantar e participar, xa que Manuel María dedicou moita da súa obra aos pequenos.

O prólogo do disco está feito polo artista Xurxo Souto e a banda espera presentalo en directo na cidade en canto saia, aínda que non está pechado o lugar do acto.