A pesar da súa xuventude, a autora carballesa Rosalía Fernández Rial, pode presumir de contar con cinco libros publicados e numerosas colaboracións de carácter interdisciplinar con outros creadores. O seu idilio coa literatura naceu no berce e afianzouse na súa adolescencia como unha canle a través da cal expresar as súas inquedanzas. As súas verbas chegan ás 20.30 horas desta tarde ao centro Ágora no marco do ciclo Poetas Di(n)versos, nunha intervención que fará conxuntamente co poeta brasileiro Ricardo Domeneck.

Fernández Rial, autora, entre outras obras, do poemario musical En clave de sol e do poemario amoroso Ningún amante sabe conducir, describe a literatura como "una linguaxe que, combinada con outras moitas, pode dar lugar ao feito artístico, o hábitat no que eu me sinto a gusto". Partindo desta concepción, non é de extrañar que gran parte da súa obra fusione a linguaxe escrita coa escénica, dando lugar a creacións dinámicas, nas que os versos actúan como alicerce da melodía e o movemento.

Para a escritora, esta combinación entre a poesía e outro tipo de linguaxes artísticas é máis facilmente asimilable por parte do público en canto a que "esa hibridación sempre supón unha canle de comunicación que fai máis accesible e moitas veces máis atractiva a poesía que, aínda que sexa un xénero totalmente válido que pode actuar de maneira autónoma, pode complementarse moi ben con outras disciplinas, e isto vai en beneficio de que a mesaxe poética chegue ao receptor."

Esta vontade multidisciplinar e heteroxénea da autora pode percibirse nas súas influenzas literarias, entre as que se atopan nomes autóctonos coma o da súa tocaya Rosalía de Castro ou Manuel Antonio; españois, coma o de Federico García Lorca; e internacionais, coma é o caso do cantautor Bob Dylan, quen Fernández Rial afirma que "exemplifica o uso da poesía como punto de partida cara outro tipo de expresións artísticas".

Amante da arte en tódalas súas expresións, a poetisa non agocha que comparte esta paixón co interese que sinte polo ámbito educativo. E é que, entre os seus próximos proxectos está, como ela explica, "a publicación dun novo libro que aínda está a emerxer" e, sobre todo, a difusión do que "en principio" foi a súa tese de doutoramento, "consistente nunha metodoloxía para ensinar linguas desde o artístico, desde o teatral e o poético, combinando o arte coa didáctica".

Rosalía Fernández Rial apunta sobre este interese divulgativo que "a arte e a educación son as dúas vías fundamentais para acadar esa liberdade utópica á que pretendemos chegar os seres humanos , xa que nelas está a clave do progreso da sociedade".

Sobre o que o público vai poder presenciar na súa intervención en Poetas Di(n)versos, Fernández Rial adianta: "Os asistentes serán quen de percibir unha mestura interdisciplinar entre diferentes artes e esa fusión, ese cruce de camiños entre o musical e o poético". E engade que dita complementación "non é unha suma sen máis, senon que é unha confluencia que da lugar a outro produto distinto, no que a posta en escena ten unha importancia fundamental".