Unha escena, e dous actores galegos, Toño Casais e Artur Trillo, da compañía Talía Teatro, dando vida a dúas personaxes que establecen diálogos en clave de humor sobre a situación sociolingüística de Galicia. Así se desenvolve Bicos con Lingua, unha peza dirixida por Avelino González que recalará este domingo ás 20.00 horas no escenario do teatro Colón.

A obra Bicos con lingua está composta por un conxunto de breves historias narradas por autores como Suso de Toro, Cándido Pazó ou polo propio Avelino González, quen afirma sobre o contido da montaxe que "o tema central é o galego, non en canto a lingua senon en canto ao uso ou non uso que a xente lle da na súa vida cotiá e os motivos polos que se emprega ou non este idioma".

Botando man dunha escenografía sinxela non exenta de altas doses de ironía e reflexión, a montaxe leva unha andaina de 13 anos sobre os escenarios. En todo este tempo, Bicos con lingua saiu a escea en máis de 250 funcións que achegaron a obra non só aos teatros galegos senon aos de cidades coma Barcelona, Vitoria, París ou Roma, conseguindo facerse con dous premios María Casares, un ao mellor texto orixinal e outro a Artur Trillo coma mellor actor protagonista.

González, que apunta que esta permanencia da función sobre as táboas "indica que, socialmente, o tema que se presenta está vivo, interesa, e reflicte que o teatro está pegado ao que realmente lle gusta á xente", indica sobre a faz didáctica e reflexiva deste exercicio escénico, representado en numerosas funcións dirixidas ao estudantado de secundaria ao longo desta década de actuacións, que existe "un punto de vista claro en Bicos con lingua, que é que o galego é útil, paga a pena falalo e é un elemento de orixinalidade, a partires de ahí as conclusións que saque o público poden ser moi dispares".

Co obxectivo de "cultivar o respecto pola lingua e a literatura galegas" entre os espectadores, Talía Teatro leva a cabo, en Bicos con lingua, unha conxunción de situacións cotías a través das que se expoñen as circunstancias nas que o galego se emprega coma lingua vehicular no día a día.

Lonxe de atribuir toda a responsabilidade do fomento do uso do galego nas institucións competentes en materia lingüística, Avelino González indica que "queda moito por facer a nivel institucional, pero é máis o que poida facer a sociedade no seu conxunto, xa que hai moitas cousas con respecto ao galego que son puros prexuizos, e están presentes tanto nas institucións como na sociedade".

González, que incide na capacidade da lingua galega "para actuar como elemento diferenciador neste mundo globalizado" está tamén á fronte de Pelos na lingua, unha obra de Talía Teatro que continúa coa estela temática de Bicos con lingua "aínda que desde un punto de vista diferente", e que será representada no Colón o próximo 17 de abril ás 20.00 horas. O prezo das entradas para asistir á función de Bicos con lingua, un espectáculo "pensado para divertir e entreter" ronda os 5 e os 8 euros.