Noticias | Agenda

Redes sociais para Manuel María

Os versos do poeta da Terra Chá estarán presentes no Fórum Metropolitano, no teatro Colón e no centro Ágora para que os veciños se saquen fotos con eles e as compartan en internet
09-05-2016 23:12
0 votos
Goretti Sanmartín e Saleta Goi, onte, co 'photocall'. la opinión

Goretti Sanmartín e Saleta Goi, onte, co 'photocall'. la opinión

O poeta da Terra Chá que escolleu A Coruña para pasar os seus derradeiros anos, Manuel María, volve cos seus versos á rúa. A Deputación da Coruña inicia esta semana actividades na súa honra, xa que é o protagonista do Día das Letras Galegas deste ano.

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, avogou onte por honrar a memoria de Manuel María trasladando os seus faladoiros a un lugar algo máis actual, as redes sociais. Así que, hoxe haberá carteis con versos de Manuel María no teatro Colón, desde as dez da mañá até a unha da tarde, para que os veciños poidan collelos e fotografarse con eles e compartir as súas imaxes. Esta iniciativa trasladarase ao Fórum Metropolitano o 16 de maio, no mesmo horario e, de cinco a oito estará no centro Ágora. O photocall viaxará a outros concellos da provincia, como a Ames, Carballo, Ribeira e Pontedeume.

A Deputación producirá unha peza documental experimental que mestura poesía e videocreación coa idea de que sexa o propio Manuel María quen fale de si mesmo. A entidade provincial ten tamén o obxectivo de darlle unha nova voz ao poema Galiza, escrito polo poeta da Terra Chá.

Farao cos anaquiños que lle envíen todas aquelas persoas que se graven lendo uns versos ou toda a peza e que etiqueten en Twitter co cancelo #OMeuManuelMaría a súa intervención.

Este venres, haberá un obradoiro infantil de poesía e ilustración, que terá como fío condutor o poemario As rúas do vento ceibe. Será impartido por Celia Parra e terá unha duración de tres horas. Os participantes poderán achegarse a versos como Quixera ser mariñeiro, mariñeiro e pescador: Tería un barco veleiro e unha dorna con motor! Os máis pequenos poderán xogar cos poemas de xeito visual, con caligramas e composicións e cada un dos nenos porá debuxos a un poema do libro.

Á presentación destas actividades asistiu a viúva de Manuel María, Saleta Goi, que agradeceu a "todo o país" a resposta que estaban a recibir os actos organizados no seu recordo. E destacou: "el tamén estivo sempre con este país".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook