A voz e a gaita de Guadi Galego deron forma as melodías do grupo de folk Berrogüetto durante unha década. Galego deu os seus primeiros pasos en solitario no 2009 co disco Benzón aos que seguiu, un lustro máis tarde, a publicación do álbume Lúas de outubro e agosto. A artista dará un concerto este sábado ás 21.00 horas no centro sociocultural Ágora no marco das celebracións con motivo do Día das Letras Galegas.

-Qué diferenza a este último álbum de Benzón, o seu primeiro disco en solitario?

-Hai unha diferenza de concepción, porque Benzón era metade tradicional e metade de autora e este é todo inédito, a maioría dos temas son meus. O son deste álbum é máis global, un pouco máis pop que o anterior, que tiña un son máis cercano á música tradicional.

-Con este disco vendeu tres mil copias en tres meses, un logro na actualidade.

-Si, agora xa case levamos catro mil copias. Vendemos moito e hoxe en día é difícil facelo, xa que hai outra forma de relacionarse coa música, polas canles gratuitas das redes, e á xente lle custa mercar. Aínda así é certo que os fans si que mercan o produto.

-Que a xente siga disposta a mercar en soporte físico, ¿é algo que motiva a seguir adiante?

-Chegar a xente por vías distintas sempre é positivo; a venda de discos facilítache poder facer outro traballo musical sen que sexa un sufrimento conseguir os cartos. Hai moitos artistas que precisan facer crowdfundings para poder conseguir uns determinados cartos para poder editar simplemente.

-As cancións deste traballo conteñen referencias á maternidade e ao papel das mulleres na sociedade. Hai un trasfondo reivindicativo nestes temas?

-O disco é unha exaltación da muller en tódalas súas facetas, ao que supoñen as mulleres da miña vida, pero non a xeito de reivindicación. Cando rematei de escribir os temas, decateime de que realmente é unha homenaxe ás mulleres da miña vida, non a todas, senon a aquelas que me influiron como persoa e incluso como profesional.

-Coida que fai falla máis risco no panorama musical galego?

-O que creo é que hai que facer un investimento en cultura de base. É difícil arriscar cando hai moi poucos apoios. Quixéronnos vender unha cultura da subvención e, evidentemente non se pode vivir subvencionando as artes coma única fontede ingresos, pero si se pode vivir apoiándoas, ao igual que se apoian outros sectores de produción que son incluso menos importantes para o país do que o é a cultura, que xenera moitos ingresos e moita actividade laboral, non é unha profesión menor.

-Pertenceu a un grupo como Berrogüetto que fixo que o folk galego traspasara fronteiras. Gustaríalle voltar a chegar a outros mercados en solitario?

-Saír de aquí sempre é unha maravilla, aínda que eu teño que recoñecer que estou moi cómoda no país, xa que me sinto moi querida.

-Custoulle establecerse en solitario cando medrara nunha banda con sete músicos.

-Creo que iso ao final é un proceso de madurez. É certo que a miña carreira, despois de Berrogüeto, pasou por momentos nos que seguín facendo colaboracións con outros músicos. Cando firmas a túa primeira obra en solitario tes certas liberdades pero tamén ten os seus contras. De todos xeitos, hai etapas de ida e volta, que agora faga este disco en solitario non significa que non poda voltar a facer un traballo con outra xente.

-Pensa que a música en galego está a ser máis valorada por parte do público na actualidade?

-Creo que aínda temos que pasar unha barreira de normalización lingüística delicada. A niveis sociais, hai menos prexuízos en torno á lingua, pero cada vez se fala menos. O consumo de música en galego, en proporcións numéricas, segue a ser moi baixo, pero creo que hai menos prexuízos.