Tenemos la palabra é un diálogo entre as persoas que están no escenario e o público, entre músicos e poetas, que organiza a Diputación de Córdoba. Sexa cal sexa o rexistro, ou o idioma que utilicen para se expresaren, son benvidos neste ciclo temático no que, esta semana, participa a poeta coruñesa Yolanda Castaño ao carón do cantante Nacho Vegas.

Os poemas do seu libro A segunda pel, recitados en galego, percorrerán durante esta semana, cinco vilas cordobesas. "A acollida do galego fóra do marco xeográfico de Galicia é algo que nunca deixa de emocionarme", explica Castaño, logo da súa primeira actuación.

Para estes espectáculos, Vegas escolleu, entre outras pezas e unha lembranza ao folclore asturiano, temas como Vinu, cantares y amor.